A borrasca Bert deixa xa ventos de máis de 150 quilómetros e alertas en boa parte de Galicia

A Xunta activa a alerta laranxa por choivas na Coruña e Pontevedra e amplía a alerta laranxa por vento á Mariña e á Montaña de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2024 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

A borrasca Bert xa deixou na mañá deste domingo ventos de máis de 150 quilómetros por hora na estación que Meteogalicia ten na Gándara, no municipio coruñés de Vimianzo, e tamén se rexistraron refachos superiores aos 130 quilómetros por hora en zonas de Coristanco, Lousame e Arteixo.

Neste contexto, a Xunta activou a alerta laranxa por choivas nas provincias da Coruña e de Pontevedra e ampliou a alerta laranxa por vento á Mariña e á montaña de Ourense, e a de costeiros a todo o litoral pontevedrés.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso por choivas comezará a primeiras horas da tarde e afectará o noroeste, oeste e suroeste da Coruña, así como ás Rías Baixas e Miño de Pontevedra.

Prevense precipitacións acumuladas de 30 mm nunha hora e de 80 mm en 12 horas. O resto da comunidade, excepto A Mariña e a montaña de Lugo, está en alerta amarela. Ante as fortes choivas, a administración autonómica recomenda circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas alagadas ou que poidan chegar a alagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

ALERTAS POR VENTO

Ademais, a alerta laranxa por vento, que afecta o oeste e suroeste da Coruña, ampliouse ás áreas da Mariña e montaña de Ourense. Segundo o AEMET, o fenómeno meteorolóxico adverso deixará refachos de ata 100 km/h.

O resto das provincias da Coruña e de Lugo, así como Rías Baixas e o interior de Pontevedra están en alerta amarela por ventos de ata 80 km/h. Nestas zonas, sinálase a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e xanelas, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

ALERTAS NA COSTA

Así mesmo, continúa activa a alerta laranxa por costeiros en todo o litoral coruñés e pontevedrés, coa ampliación esta mañá á zona do Miño. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompientes e paseos marítimos. Tamén que se extremen a medida de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Varias persoas observan o mar embravecido na costa de Ribadeo nunha imaxe de arquivo / Carlos Castro - Arquivo / Europa Press
Varias persoas observan o mar embravecido na costa de Ribadeo nunha imaxe de arquivo / Carlos Castro - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta