Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2020 | Actualizada ás 14:54
O grupo municipal do PP e os exedís socialistas de Viana do Bolo chegaron a un acordo para presentar unha moción de censura contra o alcalde do BNG, Secundino Fernández, que inclúe a repartición da Alcaldía. O pleno para o seu debate foi fixado para o día 1 de setembro.
Nas pasadas eleccións municipais, populares e nacionalistas empataron a catro concelleiros, mentres que os socialistas obtiveron tres edís. Con todo, os acordos entre BNG e PSOE non frutificaron máis aló da votación para a investidura.
Precisamente, en declaracións a Europa Press, o exsocialista Abelardo Carballo --que chegou a ser portavoz municipal do PSOE tras a dimisión do que foi candidato socialista á Alcaldía, Pablo Luís Salgado--, confirmou que, con este acordo, el mesmo ostentará a Alcaldía durante o próximo ano e medio, mentres que o popular Andrés Montesinos será o rexedor o resto do mandato.
Carballo xustificou a necesidade desta moción de censura pola actitude do alcalde nacionalista, ao que acusa de rexeitar todas as propostas formuladas para o progreso da cidade, así como para a gobernabilidade do municipio. "Segue dicindo que cunha diferenza de cen votos, a Alcaldía é inegociable", indicou.
Abelardo Carballo detallou que formarán o goberno municipal el mesmo e o popular Andrés Montesinos quen, tamén preguntado por Europa Press, xustificou a necesidade da moción de censura para sacar da "parálise" a Viana do Bolo na que, na súa opinión, está sumida cun alcalde que "non negocia nada e goberna todo por decreto". "É un ditador, nin goberna nin deixa gobernar", sinalou.
Pola súa banda, o aínda rexedor, Secundino Fernández, cualificou este acordo de "fraude aos veciños". "Non votaron á candidatura do PSOE para que chegasen a un pacto co PP", deixou claro o nacionalista, que sostén que el sempre estivo "disposto a dialogar" co resto de forzas de esquerda.
REXEITAMENTO DO PSOE DE OURENSE
Pola súa banda, ao transcender o acordo, o PSOE de Ourense mostrou o seu rexeitamento á moción de censura que, segundo denuncia, "está orquestrada" polo PP co "beneplácito" de dous edís socialistas que se pasaron ao grupo de non adscritos --Abelardo Carallo e Santiago Barja--, que considera "tránsfugas".
Ademais, a dirección provincial anunciou a expulsión destes dous concelleiros. "Trátase dun caso flagrante de transfuguismo político", sostén o PSOE, que alega que o PP e Baltar tratan de conseguir "a través de tránsfugas o que non conseguiron cos votos dos veciños".
REXEITAMENTO DO BNG
Pola súa banda, a través do seu perfil da rede social Twitter, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén mostrou o seu rexeitado á moción de censura acordada contra Secundino Fernández.
"O transfuguimo como forma de facer política é outra forma de corrupción e de degradar a democracia. Todo o apoio a Secundino e o BNG de Viana do Bolo", sinala na súa mensaxe.
Neste sentido, noutro comunicado remitido aos medios, a deputada Noa Presas remarca que os veciños de Viana do Bolo elixiron un goberno progresista encabezado polo BNG e insta a PP e a PSOE a rectificar e non levar adiante esta moción de censura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.