Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2020 | Actualizada ás 09:35
O Concello de Padrón sentou as bases para a creación dunha Escola de Hóckey con dous xogadores da vila e co apoio da Federación Galega de Hóckey.
A iniciativa xurdiu tras poñerse en contacto un grupo de afeccionados de Padrón e a Federación Galega. A tradición deste deporte na vila remontase a 1976, cando se fundou o equipo Santo Domingo, que tras varias décadas de éxitos competitivos autonómicos deixou de xogar durante catro anos.
Agora, Óscar Mozas e Rodrigo Casal retoman a ilusión por este deporte. “A finalidade é fomentar esta actividade dende a base, e que os nenos e nenas teñan alternativas aos deportes maioritarios, e a partir deste xogo poñer en valor a amizade, a igualdade e o compañeirismo”, sinalou Mozas, que será un dos monitores de hóckey das escolas deportivas de Padrón.
Dende a Federación Galega de Hóckey, Roberto Baratta explica que “esta actuación cos Concellos enmárcase dentro do Plan Impacto, co que pretendemos incentivar e promocionar o noso deporte, para que sexa máis coñecido e para que nos lugares nos que xa se xoga poidan mellorar e perfeccionarse”.
O Concelleiro de Deportes, Ángel Rodríguez, mostrou a súa satisfacción por iniciar esta colaboración e destacou “o importante que é para Padrón que xurdan iniciativas coma esta para dinamizar a vila e presentar unha oferta máis ampla de ocio e deporte para as novas xeracións”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.