Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 21:40
O espallamento da covid en Galicia segue a marcar novos récords día tras día. Na xornada deste venres sobrepasouse por primeira vez a barreira dos 4.000 contaxios dende o cambio nos criterios contables desenvoltos pola Xunta a finais de abril. Por riba, recolléronse máis de 400 contaxios nunha soa xornada.
Estes números debuxan un panorama epidemiolóxico en constante empeoramento, como dá proba a gráfica elaborado por Xornal de Vigo con datos da Consellería de Sanidade. Na representación pódese comprobar como o 23 de xullo -hai pouco máis de un mes- os casos en Galicia situábanse en apenas 163, unha cifra que hoxe se atopa multiplicada por 25.
Se analizamos os datos de contaxios de hai apenas un mes comprobamos que a pandemia ten un ritmo de espallamento estable do 8%. É dicir, que cada xornada infórmase dun 8% máis de casos con respecto ós datos do día anterior. Esta proporción implicaría que en apenas dúas semanas -o vindeiro mércores 16- Galicia podería superar outra barreira psicolóxica: a dos 10.000 contaxios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.