Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2024 | Actualizada ás 13:47
O acordo alcanzado entre a Unión Europea e os países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai) abre oportunidades para Galicia en sectores industriais como a automoción, pero o campo galego afronta diferentes "riscos" que pasan principalmente polo sector da carne. En conversación con Europa Press, o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Edelmiro López reflexiona acerca de que existe "un risco claro de 'dumping' ambiental e social que non vai favorecer a viabilidade económica" das granxas cárnicas en Galicia, o que "aumenta o risco de abandono de explotacións", as cales "xa levan uns anos con problemas importantes".
Este especialista no ámbito agrario deixa claro que "en calquera acordo de libre comercio sempre hai gañadores e perdedores", polo que se trata de establecer "como lograr minimizar impactos negativos" que se centran no agro. Ante este escenario, chama a Xunta e Goberno central a "ter algún tipo de estratexia", xa que "en custos non se vai a poder competir", o que "claramente é un risco". Engade que "só cabería a aposta pola diferenciación e calidade dos produtos". Pon o exemplo das tarefas de xestión de territorio que desempeñan granxas en lugares como Os Ancares ou o interior de Ourense para avogar por "medidas compensatorias" debido aos seus "beneficios ambientais", "máis aló do valor da carne que producen". No outro extremo, para Galicia identifica oportunidades en ramas que pasan por automoción, téxtil e confección, unido a servizos e, mesmo, sector agroalimentario no relativo á exportación de viños.
'VACAS POR COCHES'
A nivel europeo, esta dinámica é similar, pois lembra que xa hai quen define o acordo de UE-Mercosur como un intercambio de "vacas por coches". Unha cuestión que pode ser "asumible" se hai un plan para "compensar a estes sectores", ademais de "mirar como reforzar a súa posición e evitar que entren produtos con competencia desleal". Nunha previsión a "20 ou 30 anos", Europa "renunciaría a parte da súa capacidade de produción de alimentos en favor de Mercosur", o cal faría "a cambio de gañar peso en industria e servizos". Para a UE é beneficioso en automoción, industria química e maquinaria, ademais de que empresas de servizos e construción terían entrada en contratación pública en Sudamérica en "condicións de igualdade".
En cambio, "sairía claramente prexudicado" o sector agrario europeo en materia de vacún, aves e azucre. E é que os custos de produción do agro en países como Arxentina ou Brasil son "moi inferiores" aos europeos, xa que se tratan de explotacións de gran tamaño que fan "imposible" competir en vía custos. A iso súmanse outras ameazas que pasan por menores controis sanitarios que levantaron protestas de agricultores e gandeiros nas últimas semanas. Así, "a medio e longo prazo o que faría é acentuar a especialización que teñen os dous bloques", de modo que "o acordo reforzaría a Mercosur como gran potencia agroalimentaria, en parte á conta dos produtores europeos; e en sentido contrario, impulsaría os sectores industriais e de servizos da UE".
BALANZA COMERCIAL GALEGA DEFICITARIA
No caso galego, pon o foco sobre o "pouco peso" deste mercado suramericano no global exterior, pois as exportacións de Galicia a Mercosur apenas supoñen o 1 % do total, na súa maioría coches e pezas de automoción, ademais de maquinaria. Iso si, o saldo da balanza comercial é "fortemente deficitario" para a comunidade, dado que as importacións ascenden a preto do 4 % do global, maiormente materias primas para a alimentación do gando. "Visto desde a perspectiva galega o máis problemático sería o impacto que tería nos produtos agrarios, sobre todo no vacún", "tamén en carne de aves porque Brasil é unha enorme potencia", incide. Precisamente, un punto sobre o que fai fincapé é o papel que xoga a produción extensiva de carne en Galicia con "moitos beneficios ambientais", posto que se sitúa en zonas de alta e media montaña, así como en comarcas rurais do interior. O seu abandono incidiría en problemáticas que pasan pola ordenación territorial e a loita contra os incendios.
"DÚBIDAS" COA APLICACIÓN DAS CLÁUSULAS ESPELLO
Este experto no ámbito agrario tira de experiencia en pasados acordos de libre comercio para mostrar as súas "dúbidas" e di "desconfiar" sobre en que medida se vai a cumprir o exposto de modo formal no texto, posto que aparecen mecanismos para ese equilibrio, véxase a aplicación de cláusulas espello pola que os produtos importados deben cumprir con normas equivalentes á UE. "A experiencia de acordos previos de liberalización comercial lévame a ser pouco optimista", razoa, dado que "é difícil compatibilizar que ti teñas en Europa unha produción cada vez máis sustentable" coa "entrada de produtos de países onde non hai ese mesmo nivel de esixencia", tampouco a nivel de condicións laborais.
Neste sentido, remarca que a alianza recolle que "produtos sensibles", como poden ser a carne, contarán con "un sistema de cotas de importación" e unha implantación gradual que poida paliar un "impacto fortísimo". No caso da carne de vacún, esa cota pasaría por 200.000 toneladas anuais, o 1,5 % da produción da UE. Sobre a contradición de que cada vez se reclame aos produtores europeos "ir subindo o listón" en requisitos ambientais, con estratexias do tipo 'Da granxa á mesa', coa apertura a mercados con menor control, pregúntase en que medida é compatible co cumprimento da liberación comercial a esixencia a produtores de Mercosur dos mesmo estándares que os europeos. De tal forma, as cláusulas espello "expoñen moitísimos problemas".
AÍNDA PENDENTE DE RATIFICACIÓN
Non entanto, López fai fincapé en que "de momento o que hai é un acordo inicial", aínda pendente de aprobación tanto polo catro países de Mercosur como pola UE, o que ve "máis complicado". E é que aínda que en Europa óptese polo procedemento de separar a parte comercial das outras dúas patas do acordo (política e cooperación) para a súa ratificación, necesítase unha maioría cualificada de 15 países (dous terzos) co 65 % da poboación para a luz verde. Por tal motivo, este profesor explica que se hai cinco países co 35 % da poboación en contra, o acordo poderíase tombar. Lembra que Francia "se opón de forma frontal", ao que se suman "probablemente tamén" Polonia, Países Baixos e Bélxica, polo que "queda a incógnita de Italia", co que sairía unha "minoría de bloqueo". "Non é que isto xa estea santificado e vaia a ir adiante", avisa sobre o pacto alcanzado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.