Hai empresas galegas entre as presuntas contratacións irregulares do IMSERSO?

Entre os anos 2013 e 2018, o IMSERSO realizou unha serie de contratacións técnicas. Persoal vinculado aos servizos sociais denunciaron “presuntas corruptelas” por parte da Administración central. Recorreron ao informe do Tribunal de Cuentas do Estado que sinala unha serie de puntos pouco claros en contratación. Entre as empresas había dúas galegas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Directoras y Gerentes en Servicios Sociales (ADGSS) apuntaba “presuntas corruptelas” dentro do Instituto de Mayores y Servicios Sociales (IMSERSO) entre os anos 2013 e 2018. A ADGSS tomou como base para estas afirmacións o anteproxecto de informe que o Tribunal de Cuentas do Estado elaborou para fiscalizar as contratacións do IMSERSO durante ese período. Dito documento informa sobre a “falta xeralizada de control documental” ou que “o IMSERSO non ten un sistema de almacenamento nin físico nin informático para expedientes de contratación”.

Viaxes do IMSERSO. EUROPA PRESS - Arquivo
Viaxes do IMSERSO. EUROPA PRESS - Arquivo

Así e todo, a pesar disto, houbo empresas que tiveron entre outras tarefas, a supervisión e desenvolvemento do SISAAD (Sistema de Información del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia), unha base de datos para que cada comunidade autónoma introducise toda a información sobre persoas dentro dos seus sistemas de dependencia. As irregularidades que sinala ADGSS inclúen empresas galegas.

MANTER UN SERVIZO

A Administración central segundo o Tribunal de Cuentas fixo unha serie de contratacións para que o IMSERSO tivese un sistema de información e almacenamento de datos sobre dependencia. En total,  ADGSS asegura que se gastaron sobre 30 millóns de euros nun sistema de información que ven insuficiente e sen adaptarse ben ás necesidades do IMSERSO. Todo isto realizado mediante “contratos millonarios adxudicados de maneira recorrente a unha mesma empresa, e que subcontrata de maneira recorrente tamén, con outras empresas e que tiña como obxectivo que estas acumulasen experiencia para poder participar despois noutras licitacións”.

O que se pretendía era crear un Nuevo Sistema de Información del Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia (NSISAAD). Esta nova aplicación informática, que se desenvolveu durante 2013 e 2018, levou un custo de 17.201.069 euros entre contratacións e subcontratacións. O mantemento da nova aplicación informática segundo se desprende do exposto pola ADGSS, a utilización do sistema de “adquisición centralizada de bens e servizos deu pé a que unha mesma empresa resultase adxudicataria en seis dos sete contratos licitados para o desenvolvemento do NSISAAD”.

A partir de aquí, desenvolveuse unha serie de subcontratacións en tres expedientes para que unha mesma empresa fixese traballos relacionados co NSISAAD. A mesma empresa subcontrata por dúas veces a unha segunda empresa para realizar traballos moito máis concretos.

A tradución de todo isto, segundo o Tribunal de Cuentas, é que non existe por parte do IMSERSO control ningún sobre a documentación relativa aos contratos con empresas exteriores. Xunto a isto, tampouco existe control sobre persoal técnico alleo ao IMSERSO, con funcións de mantemento e desenvolvemento da nova aplicación informática.

EMPRESAS GALEGAS

O informe do Tribunal de Cuentas non menciona ningunha empresa específica (enumera como empresa 1, empresa 2 etc.). Mais finalmente, baixo o amparo da Lei de Transparencia, algúns medios deron a coñecer algúns nomes, entre eles dúas empresas galegas, Plexus e Altia. A primeira fixérase xa coñecida por unha subcontratación para os sistemas telemáticos do porto de Ferrol en 2002. Altia pola súa parte, dedícase á asesoría en tecnoloxía e ten dentro do seu organigrama a Constantino Fernández Pico, quen foi presidente do Deportivo da Coruña.

Citar estas dúas empresas vén a raíz do documento enviado pola ADGSS, onde nun parágrafo apuntaba “o encadeamento ininterrompido de contratos desta empresa (con sede en Galicia e cuxos directivos estiveron vinculados ao Partido Popular) como subcontratada e adxudicataria, provocou a súa permanencia no IMSERSO, sen solución de continuidade, desde finais do ano 2012”. Aínda máis, “un técnico desta empresa desprázase desde a comunidade autónoma onde está a súa sede (Galicia) aos servizos centrais do IMSERSO”.

Galicia Confidencial púxose en contacto tanto con Plexus como con Altia. Ambas as dúas empresas responderon mediante senllos emails ás cuestións relativas ao documento da AGDSS e o do Tribunal de Cuentas.

Plexus sinala que unicamente foi adxudicataria de dúas licitacións que figuran como:

1-Título del expediente: Servicios técnicos de mantenimiento y soporte del sistema de información para la autonomía personal y atención a la dependencia (SISAAD) del Imserso. Expte. 2017/00362 (tiene 3 lotes), nosotros somos adjudicatarios del Lote 2.
Lote 2: Mantenimiento de procesos
Adjudicado a UTE Indra-Plexus. Adjudicado en 2018, prorrogado por 2 años en 2020 (finalización de la prorroga en 2022).

2- Título del expediente: Servicio de mantenimiento del Sistema de Gestión de Proyectos de Servicios Sociales en el Imserso. Expediente 2017-024.
Adjudicado a Tecnologías Plexus S.L. a finales del 2017 y finalizado en el 2018

En canto a Altia, a resposta da empresa é que a mesma se cingue ás “condicións e procedementos que aparecen nos pregos” de licitación. A empresa destaca que nestes momentos “Altia descoñece a apertura de ningún tipo de procedemento porque, ata o momento, non foi requirida para aportar ningunha documentación, en caso de ser requirida Altia actuará coa máxima transparencia e colaboración”. Por último, apunta que en máis de 25 anos de existencia da compañía, sempre “actuamos baixo un código baseado na ética, na calidade e a transparencia, dentro dunha contorna altamente competitiva”.

A pesar disto, a AGDSS sinala que o Tribunal de Cuentas “verificou que o IMSERSO, con carácter xeral, non publicou, na Plataforma do Sector Público os contratos formalizados en relación co desenvolvemento da aplicación informática SISAAD”.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta