Renfe só recuperará trens anulados pola pandemia "na medida que a demanda o vaia pedindo"

Mantén a supresión dun 35% da media distancia, con afectación tamén ao Eixo Atlántico, aínda que menor, e non hai TrenHotel nin conexión con Euskadi.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/09/2020 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

Renfe mantén anulados servizos ferroviarios que suprimiu durante o estado de alarma decretado pola pandemia de coronavirus e recoñece que só prevé recuperalos "na medida que a demanda o vaia pedindo". Así o ratifican fontes da operadora ferroviaria despois de que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladase esta semana a queixa da Xunta por este asunto ao ministro de Transportes, José Luís Ábalos.

Tren
Tren | Fonte: Renfe.

Fíxoo no seo da conferencia estatal na que este último presentou unha estratexia de mobilidade segura. Xunto a ela, responsables doutras comunidades transmitiron o mesmo malestar pola supresión de trens.

Tras a eliminación de servizos coincidindo coa declaración da emerxencia sanitaria, a operadora indica que non houbo cambios desde o pasado 16 de agosto, cando puxo en servizo dous trens 'Celta', un por sentido, entre Vigo e O Porto.

Así, Renfe presta na actualidade, de acordo cos seus propios datos, un 65% dos servizos de media distancia en relación cos anteriores á pandemia da covid-19. "Certo que no Eixo Atlántico (A Coruña-Santiago-Vigo), que é a relación con máis demanda, esta porcentaxe é maior e noutras relacións menor", apuntan as fontes da operadora ferroviaria.

No que respecta a servizos comerciais, circulan nestes momentos seis trens Alvia Madrid-Galicia diarios (tres por sentido), dous Alvia Barcelona-Galicia ao día (un por sentido), dous Interccity Vigo-O Porto (tamén un por sentido) e non hai servizos de tren hotel nin a Barcelona nin a Madrid, nin conexión directa con País Vasco. "Nestes momentos non circulan", admite Renfe.

Foi en marzo, coa declaración do estado de alarma, cando Renfe reduciu a súa oferta de trens AVE, longa distancia, media distancia e Avant. Foron eliminados entón 29 trens en Galicia, 22 dos cales afectaban directamente a unha localidade, Monforte de Lemos, que é das máis castigadas por esta decisión.

De feito, as cifras que manexa a Xunta, con datos de xullo, sitúan a redución de conexións no 50% na conexión Monforte-A Coruña, nun 33% na de Monforte-Ponferrada, do mesmo xeito que en Monforte-Vigo, e no 44% Monforte-Ourense.

Neste escenario, a Xunta avoga por "achegar transparencia" ás obrigas de servizo público que aplica o organismo ferroviario e que, segundo lembra, serven para fixar as tarifas dos billetes e as frecuencias dos servizos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ejpainistain

E como vai subir a demanda se non hai os comboios? É como se nos din que no aeroporto de Viana do Bolo irán aumentando os voos segundo vaia aumentando a demanda. Difícil porque aínda non hai o aeroporto.