Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 16:28
A reunión do comité clínico que asesora á Xunta en materia de prevención da COVID-19 aprobou este mércores os protocolos elaborados por parte das autoridades galegas para permitir visitas nas residencias e a actividade de centros de día naqueles municipios afectados por restricións para frear os contaxios.
A intención, tal e como lembrou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, é "evitar as consecuencias indeseadas do illamento" das persoas maiores naqueles municipios con medidas especiais activadas, onde, ata agora, están prohibidas as visitas en residencias e permanecen pechados os centros de día, especialmente no caso de que estas se prolonguen.
Para iso, Política Social e Sanidade acordaron senllos protocolos que, se todo vai segundo o previsto, entrarán en vigor este xoves e afectarán os municipios onde hai restricións á actividade pola súa situación epidemiolóxica.
En relación aos centros de día, avanzou Julio García Comesaña, favorecerase a súa apertura a través da promoción de 'grupos de convivencia estable' entre os seus usuarios, a limitación da actividade grupal á situación epidemiolóxica concreta ou a implantación de medidas para protexer ás persoas de maior idade.
RESIDENCIAS DE MAIORES
Por outra banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa avanzou a semana pasada, tras o Consello da Xunta, algunha das propostas incluídas no protocolo para favorecer visitas en residencias, como un cribado a todo o persoal destes centros cada 15 días.
Segundo dixo Feijóo, o documento fixa o límite das visitas a unha persoa por residente, cunha duración máxima dunha hora ao día e extremando as medidas de prevención.
Por exemplo, para as visitas deberá solicitarse cita previa, os visitantes deberán estar no centro con antelación e realizaráselles unha avaliación para detectar posibles síntomas. Ademais, deberán desinfectar mans, respectar distancias e usar máscara.
Se é posible, ademais, a visita terá lugar nunha zona aberta e axardinada. Cando non sexa factible, habilitarase unha sala específica preto da entrada, ventilada con aire exterior e con circuítos de entrada e saída.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.