Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/09/2020 | Actualizada ás 13:59
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou que a cidade non vai entrar "en polémica" co Goberno de Ceuta tras recibir a petición formal para a cesión da estatua de Millán Astray, que foi retirada en 2010 da praza herculina, agora denominada Praza das Atochas, e que, na actualidade, permanece nunha dependencia municipal.
Como fixo xa o fin de semana, cando o concello confirmou que non só se impedirá o traslado desta estatua, senón que porá en coñecemento da Xustiza o que, ao seu xuízo, podería ser unha vulneración da Lei de Memoria Histórica, a alcaldesa insistiu en que ten "moitas cousas que facer" e en que o goberno municipal "non está para este tipo de cousas".
"Hai unha Lei de Memoria Histórica de obrigado cumprimento para todas as administracións", recalcou a rexedora, quen insistiu en que " o tema non dá para máis". "Non vou entrar en polémica con Ceuta a conta dunha estatua retirada en cumprimento dunha lei".
"Teño moitas cousas que facer, non estou para parvadas", sentenciou, a preguntas dos xornalistas, Inés Rei, que o fin de semana xa replicou ao Goberno de Ceuta que "ninguén está por encima da lei" "Se a estatua de Millán Astray foi retirada da nosa cidade, de ningún modo váiselle a ceder a ningunha outra administración para a súa exhibición", sentenciou a este respecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.