Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2020 | Actualizada ás 21:25
Enésimo episodio de críticas ó informativos da CRTVG. A folga no ensino da xornada do pasado mércores saldouse cun impacto máis discreto que a da semana anterior malia as mobilizacións artelladas por CIG-Ensino, CCOO e STEG. Con todo, o impacto da xornada segue presente este xoves non tanto polo golpe de efecto de sindicatos e docentes senón pola cobertura ofrecida polos medios públicos galegos.
A principal das denuncian artelladas nas últimas horas teñen que ver coa orientación fundamental da noticia da canle pública, que escolleu titular a peza co lema: "os sindicatos afrontan a xornada divididos". Esta tónica viuse reforzada coa intervención dun representante de ANPE, que sinalou que "non é o momento" facer folgas.
A visión do Sindicato Independente entraba así en claro contraste co sinalado por CIG, CCOO e STEG, impulsores da xornada de folga para protestar contra o protocolo da Consellería de Educación nas súas múltiples variantes. Neste aspecto, as críticas dos usuarios centráronse no papel secundario do sindicato ANPE no seo do sector educativo galego.
Minuto de ouro no parte da TVG para um representante de ANPE que explica que “nom é o momento de convocar folgas”. pic.twitter.com/HiMeNmDjV4
— O’Cascarelo (@Cascarelo) September 23, 2020
Á par, a propia CIG acusou á CRTVG de "romper todos os moldes" de "manipulación" ao introducir un dato que, segundo o sindicato, sería falso. Ao parecer, a canle pública tería posto en boca dos representantes sindicais unha "valoración positiva" do incremento de "case 2.000 mestres" da Xunta, "algo que evidentemente é falso", segundo destaca o Secretario Nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, na súa conta de Twitter.
O nivel de manipulación da @TVGalicia rompe todos os moldes. Hoxe, nunha peza sobre a folga educativa din literalmente que “a CIG valora positivamente o aumento de case 2000 mestres”. Algo que evidentemente é falso. pic.twitter.com/bWl7kUA1oT
— Suso Bermello (@susobermello) September 23, 2020
De feito, foi a propia CIG a que uns días atrás emitiu un comunicado destacando que o número real de profesores que se sumarían ás aulas galegas logo da cesión da Consellería era, en realidade, moito menor: "a ampliación real é de 221 interinos, non 847", sinalaron, tal e como publicou Galicia Confidencial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.