Por Europa Press / Redacción | Madrid | 24/09/2020 | Actualizada ás 19:28
O director do Instituto Cervantes defendeu este xoves 24 de setembro en Berlín (Alemaña) a diversidade lingüística de España e insistiu en que é necesario "comprender a enorme riqueza de vivir nun país con tantas linguas".
Nun encontro con responsables dos organismos que fomentan o galego, o vasco e o catalán, Luís García Montero afirmou que as linguas cooficiais achegan "distintas formas de vivir o mundo que nos enriquecen" tanto aos respectivos territorios onde se falan como a toda España. Oxalá, destacou, eses cidadáns "que teñen a sorte de ser bilingües, non teñan a mala sorte de deixar de selo".
No marco do Día Europeo das Linguas, García Montero celebrou unha reunión presencial de traballo no Instituto Cervantes da capital alemá coa directora xeral do Libro, María José Gálvez; coas directoras do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e do Etxepare Euskal Institutua, Irene Larraza, e coa delegada do Institut Ramon Llull en Berlín, Sílvia González.
Todos eles manifestaron o seu desexo de coordinar estratexias entre as diversas institucións para reforzar o multilinguïsmo de España, tal como se pactou o pasado 26 de maio no primeiro acordo de cooperación entre o Cervantes, o Ramon Llull, o Consello e o Etxepare.
A directora do Consello da Cultura Galega declarou tras o encontro deste xoves que "a diversidade lingüística e cultural está no ADN de Europa, pois é propia dos territorios longamente habitados por pobos que crean linguas, que evolucionan ao longo de milenios en culturas propias".
Rosario Álvarez agregou que "as institucións aquí representadas temos a firme vontade de camiñar xuntas para mostrar, dentro e fóra das fronteiras do Estado español, a diversidade do impulso creativo deste mosaico de culturas e linguas. O valor compartido desde as respectivas identidades, así como o respecto e aprecio mutuo, son a base da convivencia democrática".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.