Trebón, dioivo, pedrazo versus Éowyn, Herminia, Ivo: cando a chuvia ten nome de Galicia

Treboada, torboada, torbón, trebón, tromba...? Dende o Galicia Confidencial falamos coa catedrática de Filoloxía na USC Elvira Fidalgo, autora dun estudo sobre o léxico existente na nosa terra para designar a choiva, que se amosa convencida de que, ante estes fenómenos, "algunhas das palabras que xa había e que non empregabamos tan frecuentemente porque non as necesitabamos, agora vanse usar máis".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/01/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Lembras a última vez que orballou? E que poallou ou babuxou? Nos últimos anos estes fenómenos que todos asociamos con choiva miudiña, suave, fina e persistente, acontecen cada vez menos, en favor de outros máis típicos da vertente mediterránea, como os trebóns ou as torboadas. O cambio climático chegou para quedarse e a nosa terra, mundialmente coñecida pola choiva constante, está a mudar a nivel climático ata o punto de concentrar en curtos períodos de tempo grandes cantidades de auga, cos consecuentes estragos derivados da falta de costume. Agora ben, tanto tempo convivindo coa choiva fixo que en Galicia se creasen moi distintas denominacións para nomeala en función das súas características (gotas máis finas ou máis grosas, choiva en vertical ou en horizontal, pingas con maior ou menor intensidade...) e da zona do territorio. Un traballo de investigación realizado xa fai uns anos pola catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Elvira Fidalgo identificou 61 palabras diferentes para designar a choiva e outras tantas para dicir que chove. Mais, haberá algunha delas que sirva para nomear os fenómenos torrenciais que cada vez azoutan Galicia con maior frecuencia?

Varias persoas corren baixo a choiva durante a fronte meteorolóxica, a 23 de febreiro de 2024, na Coruña
Varias persoas corren baixo a choiva durante a fronte meteorolóxica, a 23 de febreiro de 2024, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

O traballo de Elvira Fidalgo remóntase aos comezos da súa carreira como académica na Universidade de Santiago. "Daquela eu estaba traballando sobre lexicografía, é dicir, traballaba na recollida de termos relativos a unha cuestión, neste caso a choiva ou a forma de chover, pero non só en Galicia, senón en toda a Romania, o que tamén incluía a outras linguas derivadas do latín como o castelán, o catalán, o portugués, o francés ou o italiano", conta a agora catedrática da USC. Sen embargo, non tardou en decatarse de que o caso de Galicia era moi especial, porque "era un dos lugares máis ricos para denominar á choiva", aspecto que presentou nun congreso, para amosar a riqueza da lexicografía galega neste ámbito. "Os galegos vivimos nunha terra na que eu penso que chove máis días dos que non chove, por iso xeramos unha maior 'afinidade' con este fenómeno atmosférico que outras comunidades máis ao sur", reflexiona Fidalgo, que asegura que "en Galicia somos quen de distinguir as cualidades e calidades da auga e poñerlles nome".

VARIANTES EN FUNCIÓN DA INTENSIDADE, DA FRIAXE, DO GROSOR OU DA ZONA

E é que non todos os días chove igual. Aínda vendo no parte meteorolóxico que vai chover, non vemos a intensidade, o grosor das pingas, a friaxe da auga, o sentido da choiva... Son moitas as variables que inflúen á hora de calificar a chuvia e de dárlle un nome ou outro. "Non é igual a choiva que nos veu estas semanas, con gotas gordísimas, caendo auga a cachón, non podendo nin saír á rúa por mor do aire que che levaba e que facía que a auga caese en horizontal no canto de en vertical; que a choiva deses períodos tan propios do clima galego nos que hai mormazo, chuvieira persistente e orballo, provocando en nós unha sensación de pesadume e tristura", reflexiona a catedrática. "O falante séntese de maneira distinta segundo a auga que lle caia enriba ou, polo menos, da que vexa dende a ventá", apunta.

Ademais, ao igual que acontece coas variantes dialectais do galego, cada territorio ten algúns nomes únicos, só empregados nesa zona concreta, habendo así diferentes palabras para nomear un mesmo tipo de choiva, pero tamén tipos de choiva que son moi específicos dunha zona concreta de Galicia. Neste aspecto, Fidalgo destaca que "non será o mesmo a forma de denominar á choiva que teñan no norte de Galicia que no sur, pois na costa atlántica os días de auga son máis abundantes que no sur de Ourense, por exemplo". Ela mesma, nada nesta zona do sur da provincia de Ourense, lembra que "no mes de agosto viña aquela chuviña que agradeciamos moito, unha chuvisqueira que favorecía o cultivo do viño e o crecemento da vide"; sen embargo, agora plantéxase "se aquela chuviña tan boa para nós sería recibida coa mesma alegría no norte de Galicia ou na zona das Rías Baixas, onde, ao mellor, estáballes a fastidiar unha tarde de praia".

Transeuntes baixo os seus paraugas durante a intensa choiva. A 11 de outubro de 2024
Transeuntes baixo os seus paraugas durante a intensa choiva. A 11 de outubro de 2024 | Fonte: Joaquín Corchero - Arquivo

Se tivese que elixir, dentro de toda a variedade, os seus termos favoritos, Fidalgo amósase convencida de que estes serían os que usou dende ben pequena, propios da súa comarca. Así, conta que, "para nós, había tardes de morriña, de chuvia fina que noutros moitos lugares se coñece como poalla, unha chuvia moi suave, pero constante, que che fai sentir no medio dunha nebulosa que case non che deixa ver, o tan famoso mollapitos, que fai que te confíes e saias á rúa sen paraugas porque apenas chove e, cando volves á casa, daste conta de que estás mollada coma un pito". Pero tamén había "tardes de calor de verán nas que caía unha borralleira, unha chuvisqueira que servía para refrescar o ambiente".

"TEMOS TAL RIQUEZA QUE PODEMOS AQUILATAR A PALABRA A CADA FENÓMENO"

Loxicamente, ninguén emprega no seu vocabulario diario 100 palabras para denominar á choiva, senón que hai quen conta cunha maior riqueza lexicográfica e prefire ir ao detalle do que está vendo e quen se apaña cuns poucos termos. "Eu recollín unha ampla variedade de termos, pero non todos eles son empregados coa mesma frecuencia en todos os recunchos de Galicia", explica Fidalgo. Sen embargo, asegura que o que si acontece é que "os medios de comunicación ás veces collen algúns deses termos e estandarízanos". Isto aconteceu, por exemplo, coas palabras poalla, borrascada ou chaparrada: "Agora vemos o tempo e dinnos que vai poallar en toda Galicia, igual que nos din tamén que vai vir unha borrascada ou que imos asistir a varias chaparradas". Deste xeito, "cado eses termos saltan do local a toda Galicia, deixan de pertencer a unha comunidade máis ou menos pequena e convértense en palabras de uso común que todo o mundo emprega, porque xa se afai a oílas". É así como termos que quizáis se estaban perdendo, volven cobrar forza, recupéranse e estandarízanse.

E agora que, segundo apuntan os meteorólogos, a forma de chover podería estar a mudar en Galicia, pode que sexa o momento de ir a todos eses termos que reúne Fidalgo no seu traballo para atopar algúns axeitados para estas choivas case torrenciais que igual de rápido que chegan, vanse. Ou quizáis sexa momento de pensar en novas palabras para designar novas maneiras de chover? "Non sei se se sumarán novas palabras ou non ás xa existentes, pero o que creo seguro é que algunhas das palabras que xa había e que non empregabamos porque non as necesitabamos, agora vanse usar máis", prevé a catedrática da USC. En concreto, sinala que "se borrascas como as que vivimos estas semanas fosen máis continuas, igual quedarían máis esquecidas palabras que aluden á chuvia máis mansiña e fina, como poalla, e gañarían uso palabras que indiquen chuvia forte, como trebón, treboada, borrascada, xistrada... E expresións como 'chover a Deus dar' ou 'chover a varrer'". Para Fidalgo, non hai nada máis fermoso que "poder ter tal riqueza lexical que nos permite aquilatar as palabras ao tipo de fenómeno que se produce".

ALGUNHAS DAS MÁIS DE 60 PALABRAS PARA REFERIRSE Á CHOIVA EN GALICIA

  • Chuvia feble: babuña, babuxa, barbaña, barbuza, barralo, barrufa, barruñeira, barruzo, borralla, breca, chuvisca, chuviscada, chuviñada, froallo, lapiñeira, marmaña, orballo, parruma, parrumada, patiñeira, patumeira, poalla, poallada, poalleira, poallo, zarzallo...
  • Chuvia forte con vento e frío: arroiada, ballón, basto, bátega, bategada, cebra, cebrina, chaparrada, chuvascada, chuvasco, chuvieira, cifra, ciobra, diluvio, dioivo, treixada, xistra, zarracina...
  • Chuvia con raios e tronos: treboada, torboada, torbón, trebón, tromba, tromba de auga...
  • Chuvia con neve e xeo: auganeve, cebrina, cebrisca, escarabana, graínzo, nevada, nevarada, nevareira, nevarío, nevisca, nevarisca, pedra, pedrazo, salabreada, salpedrés, sarabiada, torba...
  • Cando remata de chover: amizar, delampar, escambrar, escampar, estear, estiñar, estrelampar...
  • Cando hai condensación de auga: borraxeira, borraxoia, brétema, cegoña, fuscallo, néboa, neboeiro, nebra, zarrazina...

Dúas persoas refúxianse da choiva con paraugas na comarca de Salnés, a 27 de xaneiro de 2025
Dúas persoas refúxianse da choiva con paraugas na comarca de Salnés, a 27 de xaneiro de 2025 | Fonte: Elena Fernández - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta