Queremos Galego convoca no día de Rosalía unha protesta para reclamar un "gran verdadeiro pacto" pola lingua

Marcos Maceira di que, tras o encontro co conselleiro, "non volveron ter noticia del".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2025 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A Plataforma Queremos Galego presentou a manifestación que terá lugar o domingo 23 de febreiro, día de Rosalía, en Santiago de Compostela para "para a emerxencia lingüística" e esixir á Xunta un "cambio de actitude" e a "activación de todos os recursos" para que a "tendencia da lingua cambie". Así o detallaron este mércores nunha rolda de prensa en Compostela o portavoz da Plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas.

"Da mesma forma que Rosalía inaugurou o rexurdir do galego na literatura, o día do seu nacemento comezará o rexurdir do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego", apuntou Celia Armas. Baixo a lema 'Lingua vital xa!' a marcha sairá ás 12.00 horas do parque da Alameda e finalizará na praza do Obradoiro, onde haberá unha actuación musical.

Así, Marcos Maceira incidiu en que se debe reactivar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) como o "gran verdadeiro pacto" pola lingua. "Teñen que actuar xa", subliñou Maceira, á vez que denunciou un "pacto de enterro do galego" por parte da Xunta, fronte á cidadanía que busca o "impulso á vida" do galego, "vital para Galicia".

Presentación da manifestación da Plataforma Queremos Galego
Presentación da manifestación da Plataforma Queremos Galego | Fonte: Europa Press

ENCONTRO CO CONSELLEIRO

Sobre o proceso do PXNLG aberto pola Xunta, Maceira lembrou que tras a asemblea de Queremos Galego en Santiago, o 17 de novembro, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, recibiu á Mesa. No encontro, puntualizou Maceira, a Plataforma mostrou "a súa disposición" a colaborar na reactivación do PXNLG como "gran acordo nacional" pola lingua. Todo iso, engadiu, sempre no marco dun "proceso amplo, plural, participado e transparente".

Nesa reunión, A Mesa pediu que a Xunta "mostrase o seu compromiso" coa aplicación do Plan e asumise "uns puntos mínimos e urxentes" para actuar ante a "emerxencia lingüística extrema", en liña do que sinala o PXNLG e o Consello de Europa.

Despois dese encontro, Maceira lamentou que "non teñen máis noticia" que o nomeamento unilateral dunha comisión da que "non coñecen" funcionamento, obxectivos ou "quen e como" van asumir os seus acordos e as "intencións da Xunta" en convertela nun espazo de "revisión e non de reactivación e cumprimento" do PXNLG.

MOCIÓN FERROL

Por outra banda, os tres grupos na oposición no Concello de Ferrol, PSOE, BNG e Ferrol en Común, presentaron unha moción para o seu debate no Pleno municipal, na que reclaman "a defensa da lingua galega" e piden tamén "unha nova política lingüística", ademais de que o Consistorio se una á Plataforma Queremos Galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta