Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2025 | Actualizada ás 13:08
A Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal manteñen aberto todo o mes de febreiro o prazo de inscrición para a oitava edición do seu concurso de microrrelatos, que premiará nove historias escritas por autores de todas as idades. O obxectivo desta iniciativa, explicaron os organizadores, é "reforzar a presenza da lingua e da identidade galega no mundo dixital".
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, animou a "nenos e nenas, adolescentes e persoas adultas a usar o galego como ferramenta creativa". "A xente nova empuxa e axuda a construír un futuro", dixo durante a presentación deste certame, na Fundación Luís Seoane. Fíxoo nun acto no que tamén interviñeron o presidente de PuntoGal e académico, Manuel González; o codirector da revista Luzes, Xosé Manuel Pereiro; e Cristina Ríos, en representación dos membros dos xurados.
Na mesma liña, González animou a participar "especialmente á mocidade, para demostrar que en Galicia temos unha enorme forza creadora" e destacou que este concurso persegue "fomentar a creatividade e crear afectos ao redor da lingua galega, ademais de fomentala no ciberespazo". Así mesmo, nas súas intervencións, Pereiro puxo en valor a capacidade desta iniciativa de "consolidar o vínculo afectivo coa lingua" e Ríos asegurou que os textos presentados nas distintas edicións mostran que "hai esperanza".
TRES CATEGORÍAS
O VIII Concurso de Microrrelatos conta con tres categorías: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17) e persoas adultas (a partir dos 18). A decisión do xurado será publicada nas páxinas web da RAG e PuntoGal, así como nas súas respectivas redes sociais, onde tamén se difundirán as historias premiadas. Ademais, editaranse na versión en papel da revista Luzes que tamén incluirá os textos dos finalistas. "Probablemente no mes de xullo", avanzaron os organizadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.