Temas: FRASEOLOXíA

“Verse/Poñer... en calzas pretas # en papos de araña # en pelicas de can”, equivalentes, entre outras, á castelá “verse/poner... en calzas prietas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 19/01/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas ocasións en que alguén se atopa nunha situación moi apurada, en castelán é posible escoitar iso de que se ve en calzas prietas.

Can potencialmente perigoso.
Can potencialmente perigoso. | Fonte: EP

En galego dispomos de locucións fraseolóxicas que fornecen ese mesmo significado, algunhas das cales imos pór de manifesto deseguido:

Verse # Poner... en calzas prietas

{= Verse # Poñer… nunha situación moi comprometida ou apurada.}

Verse # Poñer... en calzas pretas

Verse # Poñer... en papos de araña && Verse # Poñer... entre papos de araña

Verse # Poñer... en pelicas de can

Ex.: Aunque pueda parecer mentira, durante el régimen dictatorial se vio en ocasiones en calzas prietas por intentar ayudar a gente realmente necesitada.

Inda que poida parecer mentira, durante o réxime ditatorial viuse en ocasións en calzas pretas en papos de araña en pelicas de can por tentar axudar xente que realmente o necesitaba.

Ex.: Tras la muerte de sus padres, se vio en calzas prietas para poder subsistir y sacar a sus hermanos pequeños adelante.

Tras a morte de seus pais, viuse en calzas pretas en papos de araña en pelicas de can para poder subsistir e sacar ós seus irmáns máis novos adiante.

● Tamén:

Verse # Poñer... na pel da burra && Verse # Poñer... collido pola capeleira && Verse # Poñer... entre portas && Verse # Poñer... na caixa da música

● Tamén, sobre todo (inda que non só) para aqueles casos en que alguén case non dá feito algo ou ten que andar moi apurado ou estresado para facer algo:

Verse # Poñer... metido en présa

Ex.: Ese día coincidió que andábamos muy escasos de suministros, por lo que nos vimos en calzas prietas para poder dar de comer a todos los clientes.

Ese día cadroulle que andabamos moi faltos de provisións, polo que nos vimos en calzas pretas en papos de araña en pelicas de can metidos en présa para lles poder dar de comer a todos os clientes.

● E mais tamén:

Verse # Poñer... na bouza sen zocos nin zapatos && Verse # Poñer... coma tres na bouza cun zapato && Verse # Poñer... entre varas

● E mesmo tamén, en bastantes contextos:

Verse # Poner... en un (buen) brete && Verse # Poner... en un (buen) apuro

▪ [E MAIS TAMÉN]: Verse # Poner... en apuros && Verse # Poner... en aprietos

[E INDA]: Verse # Poner... en tramojos

Verse # Poñer... nunha (boa) apurada && Verse # Poñer... nun (bo) apuro

▪ [E MAIS TAMÉN]: Verse # Poñer... en apuros && Verse # Poñer... en apertos && Verse # Poñer... en apertarrabos && Verse # Poñer... en aperturas

▪ [E INDA]: Verse # Poñer... en traballos

● E tamén, mais só para indicar que alguén se ve ou atopa nun bo apuro:

(Estar que) Ver a Deus polos pés

Ex.: Ese día cadroulle que andabamos moi faltos de provisións, polo que vimos a Deus polos pés para lles poder dar de comer a todos os clientes.

NOTAS:

1. Dado que nesta ocasión nos atopamos ante un campo semántico (o das dificultades que nun ou noutro momento se nos presentan ó longo da vida) moi presente no decorrer normal do ser humano, existen bastantes outros fraseoloxismos e secuencias lingüísticas que contextualmente poden compartir espazos de uso coas que aquí se reflectiron, coma por exemplo as que no seu día veremos ó abordar os artigos en que daremos conta de diversas posibilidades expresivas galegas equivalentes ás castelás pasarlas canutas ou vérselas y deseárselas para..., entre outras:

Ex.: Inda que poida parecer mentira, durante o réxime ditatorial pasounas estreitas por tentar axudar xente que realmente o necesitaba.

Ex.: Tras a morte de seus pais, pasounas rabudas viuse e desexouse viuse negro para poder subsistir e sacar ós seus irmáns máis novos adiante.

2. Poida que a voz papo constitúa unha deturpación –ou mesmo unha reinterpretación ou evolución no sentido do fraseoloxismo, tal e como suxire o profesor Sérgio Rodrigues (véxase máis adiante)– de palpo, que vén designando cada un dos apéndices articulados que presentan os artrópodos (entre eles, as arañas) derredor da boca para suxeitaren mellor os alimentos.

De feito, o portugués recolle tanto a expresión ver-se em palpos de aranha coma, popularmente, ver-se em papos de aranha, tal e como indica aquí o citado Sérgio Rodrigues:

«As duas formas são aceitas, [...]. A expressão “estar em palpos (ou papos) de aranha” significa, como se sabe, “estar em situação difícil, premido pela urgência de encontrar uma saída” – antes, portanto, de virar comida de aranha.

Parece haver poucas dúvidas de que a locução original é “palpos de aranha”. Palpo é um termo do vocabulário zoológico, e portanto de uso restrito, que o Houaiss define assim: “1. apêndice segmentado das maxilas ou do lábio dos insetos; 2. cada um dos apêndices sensoriais do prostômio de poliquetas ou da cabeça de certos artrópodes”.

Entendeu? Pois é, a maioria dos falantes de português também não, e por isso a expressão “em palpos de aranha” –mais condizente com a ideia de alguém que corre o risco imediato de ser devorado– passou a circular também na versão popular “em papos de aranha”, que a rigor sugere um processo de deglutição já começado, um fato consumado que não combina muito bem com a carga semântica da expressão.»

Daquela, e esta é unha opinión particular, desde o noso punto de vista coidamos que tamén sería totalmente lícito e aceptable o emprego en galego da expresión verse en/entre palpos de araña.

3. Polo que atangue ó fraseoloxismo verse # poñer... en pelicas de can, supomos que a voz pelica a hai que interpretar co significado da terceira acepción do DRAG («Pel dun animal [...]»).

Daquela, nótese a similitude existente entre os fraseoloxismos verse # poñer... en pelicas de can e verse # poñer... na pel da burra, no sentido –coidamos– de que en ambos os casos se dá a entender que a vida destes animais non resulta en absoluto doada... ou, visto doutro xeito, que viven decote –ou, cando menos, habitualmente– en apuros ou dificultades.

4. En relación coa secuencia collido(s)/a(s) pola capeleira (tirada do traballo “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”, de Salvador Castro Otero e outros), cómpre dicir que en principio a capeleira parece que tanto pode facer referencia á cabeza do polbo, tal e como recolle o DRAG e mais outras obras lexicográficas, coma á –e reproducimos a seguir a explicación que se nos fornece no dito traballo– «“parte superior do pescozo que une este coa cabeza, pescoceira”. Aplícase sobre todo aos animais».

Sexa como for, e tanto cun coma con outro significado (por outra banda, certamente relacionados), o que parece claro é que cando se está collido pola capeleira estase en gran medida á mercé de alguén e, xa que logo, con pouca marxe de manobrabilidade e liberdade... ou, visto doutro xeito, en apuros.

Como tamén estará en apuros ou dificultades quen se atopa na bouza descalzo (isto é, “na bouza sen zocos nin zapatos”) tendo que andar por ela... ou quen, estando na bouza, ten que compartir un só zapato con outras dúas persoas (“coma tres na bouza cun zapato”).

E, por seguir elucubrando acerca da orixe dalgunha outra destas expresións, supomos que a de verse # poñer... na caixa da música poderá ter a súa orixe en que as caixas de música son moi pequeniñas, polo que, obviamente, unha persoa non colle nelas: daquela, e metaforicamente falando, se alguén se ve na caixa da música quere dicir que está moi incómodo ou moi apurado.

5. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de unidades fraseolóxicas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 273-286. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta