O PPdeG sobre a situación do galego: "Non é tan intensamente alarmante como quere facer ver o nacionalismo"

Os populares acoden con "ánimo conciliador" ao novo período de sesións fronte á "posición negativa" da oposición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2025 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, defende que a situación do idioma galego "non é tan intensamente alarmante como queren facer ver desde o nacionalismo galego". En rolda de prensa, Pazos Couñago mostrouse "plenamente consciente" do estado da lingua galega, polo que pon en valor as medidas impulsadas pola Xunta para o seu fomento, pero critica a postura do Bloque que chega a propor "unha mesa de traballo á marxe no ámbito da educación".

Reprocha que, de facer caso ao nacionalismo galego, o idioma propio de Galicia "hai moitos anos que xa tería desaparecido". Con todo, apunta a que a "conclusión de todos os estudos" é que o galego é o que ten un maior nivel competencial entre as linguas cooficiais en España, "moi por diante de Cataluña" e o seu modelo "inmersivo" que "non está a demostrar mellores resultados" que Galicia. Así o expuxo nunha comparecencia que iniciou cun "pésame" para a familia do exconselleiro Jesús Pérez Varela. "Todos o lembraremos polo seu traballo á fronte da comunicación da Xunta nos gobernos de Manuel Fraga", afirma.

NOVO PERÍODO DE SESIÓNS

De cara ao novo período de sesións no Parlamento galego, Pazos Couñago dixo que o PP acode con "ánimo conciliador" e a "man tendida" en busca do "consenso". Con todo, cargou contra a "posición negativa" da oposición para sumarse a "calquera proposta". Pon de exemplo que no recente acto de homenaxe polos 75 anos da morte de Castelao ao BNG "faltoulle tempo" para "montar o seu propio acto en Pontevedra" e "contraprogramar", no que tacha de "un empeño máis de apropiarse da figura de Castelao". A iso únense as "voltas que lle están dando á súa participación no pacto pola lingua". Pon a mirada nos próximos meses no avance da comisión para os cambios no Himno de Galicia, a petición de novas transferencias como meteoroloxía e a AP-9, ademais dunha "necesaria" negociación dun novo sistema de financiamento autonómico.

CRTVG

Finalmente, preguntado pola proposición de lei para a CRTVG lanzada polo Bloque, Pazos Couñago dixo que "é unha novidade respecto das actuacións que levou a cabo o BNG cando lle correspondeu facer ese tipo de propostas". Lembra que o PP ten unha proposta que busca "tentar alcanzar un grao alto de consenso ao redor da figura da persoa que ten que rexer os destinos da CRTVG, o seu máximo responsable", con "outras solucións alternativas no caso de que permaneza esa actitude de bloqueo reiterado ao longo do tempo do BNG, que sempre entende que o consenso pasa por facer o que eles propoñen". "Hai fórmulas bastante mellores que as que nos tentan impor os nacionalistas", conclúe.

O portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos Couñago
O portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos Couñago | Fonte: PP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta