O Consello da Cultura contundente: "O galego non se salva só na escola"

Impulsa un foro participativo para propor medidas coas que "recuperar o vigor" do galego. Álvarez admite que a situación "se vía catastrófica" tras os últimos datos.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 15/01/2025 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega (CCG) impulsará un foro co obxectivo de pon ofrecer medidas "concretas e prioritarias" para "avanzar na recuperación" do vigor do galego. Para iso, articulou varias mesas de debate que se celebrarán nos próximos meses con expertos de distintos ámbitos e cuxas conclusións se presentarán despois do verán, como moi tarde en novembro. Deste proceso, bautizado como 'Foro participativo: un país coa súa lingua', informaron este mércores a presidenta do Consello, Rosario Álvarez; a vicepresidenta, Dolores Vilavedra; e o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares.

A presidenta do CCG admitiu que a situación "se vía catastrófica" tras os últimos datos que transcenderon --e que se completaron nesta mesma xornada cun novo informe comparativo entre comunidades--, pero manifestou o seu rexeitamento a "deixarse arrastrar polo pesimismo". "As cifras que están sobre a mesa son o suficientemente claras e demandan outro tipo de actuacións", apelou.

Durante a presentación, os intervenientes coincidiron en que os datos reflicten unha situación "preocupante", pero apostaron por centrarse nunha mensaxe "positiva". Así, a presidenta do CCG subliñou que o galego está "no corazón" dos cidadáns da comunidade e existe un "altísimo afecto emocional" cara á lingua propia, polo que é preciso impulsar un traballo multidisciplinar encamiñado a tratar de reverter a tendencia a falalo menos nos máis novos.

'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua
'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua | Fonte: Queremos Galego

EDUCACIÓN

A preguntas dos xornalistas sobre se é posible reverter a situación sen cambios nas políticas educativas (co foco no decreto do idioma no ensino), a mensaxe xeral foi que, máis aló das "causas", e a pesar de considerar que o ámbito educativo é "importantísimo", o galego "non se salva só na escola".

Por iso, con este foro aspírase a impulsar medidas en distintos ámbitos --aínda que na rolda de prensa deuse por feito que algunha apuntará ás políticas educativas, e incidiuse en que, precisamente, a primeira das mesas (que terá lugar o 27 de febreiro) abordará a educación e a socialización--.

Tamén se aclarou que este foro nace cun carácter "complementario" co proceso activado polo Goberno que dirixe Alfonso Rueda encamiñado a tratar de renovar un pacto pola lingua. Vilavedra, coordinadora do foro, esgrimiu que os obxectivos distintos (incídese en promover medidas a curto prazo) e hai un punto de partida "diferencial": o CCG non ten en conta como base para este proceso o Plan de Normalización Lingüística de 2004, senón que pon a vista en "o futuro".

"Buscamos, sobre todo, partir das fortalezas do idioma, de experiencias de éxito para reverter unhas tendencias que non son positivas", esgrimiu, antes de incidir en que o fracaso de determinadas medidas propostas no seu día xa está constatado.

MESAS ENTRE FEBREIRO E XULLO

O proceso terá unha fase pública que se desenvolve entre febreiro e xullo, que arrinca o 27 de febreiro, coa primeira mesa 'Educación e socialización', moderada por Nel Vidal. Nela, abordarase a educación e a transmisión interxeneracional, os recursos educativos dixitais e a familia; a mocidade e tamén a lingua vehicular no ensino.

Alba Nogueira moderará a segunda mesa, baixo o título 'Administración, xustiza e servizos públicos', prevista para o 20 de marzo. A terceira mesa, 'Sanidade, ciencia e servizos sociais' estará moderada por Iolanda Casal e celebrarase o 23 de abril.

Marta Veiga coordinará a mesa sobre 'Comunicación, cultura e acción exterior' o 27 de maio, mentres que a mesa 'Economía, turismo e deporte' estará moderada por Jakson R. Rodrigues Soares e celebrarase o 25 de xuño. A última mesa, 'Sociedade, crenzas e participación comunitaria' será moderada por Rosalía Fernández Rial o 8 de xullo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta