Nace ASGADeD, unha asociación para defender un sistema público de dependencia de calidade en Galicia

O médico xubilado Paco Vázquez criticou a "aposta clara" da Xunta por "converter" o sistema público de dependencia galego nun "Sistema de Beneficencia 'Low Cost'".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2025 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

A Libraría Couceiro de Santiago de Compostela acolleu este martes a presentación pública da Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD), un colectivo que nace co obxectivo de defender un sistema público de dependencia "de calidade" en Galicia. "Aspiramos a ser unha asociación ampla, transversal, onde poden estar todas as persoas que queiran apoiar un sistema público de dependencia de calidade, independentemente da súa cor política, porque canto máis amplo e plural mellor, pero sabendo claramente o que queremos", explicou durante a presentación o médico xubilado Paco Vázquez. Segundo explicou durante a rolda de prensa, trátase dun colectivo formado por un grupo de persoas, de "diversas" contornas sociais e profesionais "preocupados" pola "situación actual" dos servizos públicos de dependencia e discapacidade en Galicia". Neste sentido, Vázquez criticou a "aposta clara" da Xunta por "converter" o sistema público de dependencia galego nun "Sistema de Beneficencia 'Low Cost'".

"SISTEMA DE BENEFICIENCIA 'LOW COST'"

Os argumentos aos que se referiu para cualificar o sistema deste xeito abarcan desde a "baixa intensidade" dos servizos, ás "ridículas" contías das prestacións económicas, ata a "infrafinanciación crónica do sistema". Do mesmo xeito, referiuse á "enorme escaseza" de residencias públicas en Galicia, un feito que cualificou de "especialmente grave" na metade occidental da comunidade. Así mesmo, criticou a "promoción descarada" da prestación económica de coidados na contorna familiar e apostou por un modelo baseado en coidados formais con profesionais "especialmente formados". Así, entre as características principais dos servizos sociais de dependencia que defende a asociación figura que sexan de cobertura universal, estar "adecuadamente" financiados polas administracións públicas, que dispoñan de cocientes de profesionais "adecuados" e que conten cunha calidade "contrastada" nos coidados que prestan aos usuarios, entre outras.

"DETRÁS DOS PAPEIS HAI PERSOAS"

Pola súa banda, Margarida Prieto, nai dunha persoa dependente, aproveitou a súa intervención na rolda de prensa para sinalar a "deterioración" dos servizos de dependencia, así como a "perda" de dereitos e para lembrar que "detrás dos papeis hai persoas". Nesta liña, a nova asociación lembrou nunha nota de prensa que se anunciou que aquelas persoas dependentes que teñen recoñecido o dereito a unha prestación de dependencia e están a esperar por unha praza pública nunha residencia ou centro de día, ou por recibir atención a domicilio, "recibirán unha axuda directa do Goberno galego, da que se descoñece tanto a cantidade como o control da mesma". "Unha esmola máis para cargar os coidados ás familias e desviar a atención", lamentou Prieto durante a súa intervención. Deste xeito, na rolda de prensa tamén criticaron o "pouco" nivel de mobilización social para que este sistema público sexa "mellor".

Nace a asociación ASGADeD co obxectivo de defender en Galicia un sistema público de dependencia 'de calidade'
Nace a asociación ASGADeD co obxectivo de defender en Galicia un sistema público de dependencia 'de calidade' | Fonte: ASGADED

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta