Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/01/2025 | Actualizada ás 21:50
Os lumes apáganse no inverno. Unha manida frase que non por moitas veces repetida se convirte en verdadeira, alo menos non na realidade actual, tan cambiante a causa do cambio climático. Esta afirmación que podía servir no pasado, xa non ten cabida no presente, e debería ser modificada pola de: os lumes hai que previlos durante todo o ano. Unha boa xestión do monte é fundamental para evitar a propagación dos incendios e, sobre todo, dos grandes incendios que son os responsables das maiores catástrofes naturais da historia de Galicia. Non se trata unicamente de evitar que acontezan, xa que ás veces iso está fóra do noso alcance, senón de garantir que, no caso de producirse, teñan o menor impacto posible, tanto no ámbito ambiental como no económico e social. Dende o Galicia Confidencial falamos con Juan Picos Martín, enxeñeiro de montes e membro da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo), para entender cal é a importancia de ter un monte ordenado e limpo.
"Na actualidade xa non podemos ter tan claro coma antes cal é a tempada de alto risco, porque cada vez se vai difuminando máis e xa non está tan marcada coma no pasado, de maneira que un incendio pode declararse case en calquera momento do ano", asegura Picos Martín, quen afirma que "agora xa non se trata de preparase para o exame final, estamos en avaliación continua". Galicia é unha terra que convive cos lumes dende sempre, pero o que cambiou nos últimos anos foi a magnitude dos mesmos. "A maioría dos lumes antes eran de pequena entidade, pero agora cada vez danse máis grandes incendios", apunta, incidindo no papel que xoga "a tendencia meteorolóxica vencellada ao cambio climático e aos cambios no territorio (abandono das terras, tipoloxía das plantacións...) nas últimas décadas". Así, xa non se trata tanto de pensar que facer contra os incendios en xeral, senón de que facer prioritariamente contra eses grandes incendios. Os datos dun estudo realizado polo seu grupo de investigación no proxecto FIREPOCTEP+ puxeron de manifesto que dos 30.000 incendios rexistrados nunha década (entre o 2010 e o 2020), só 66 (o 0,2 %) eran responsables de case a metade da superficie queimada.
Deste xeito, ponse de manifesto a necesidade de comprender as causas que dar lugar a eses grandes incendios e averiguar as ferramentar máis axeitadas para evitalos, pois son os que nun período prolongado de tempo marcan a diferenza, non só en superficie queimada, senón tamén a nivel de impacto ambiental e afectación á poboación, ás infraestruturas e ao propio dispositivo de extinción. E dentro desas causas, unha delas, como sinala Picos Martín, é, "clarísimamente, o territorio". "A situación na que se atopa o territorio cando o lume chega a el é fundamental para entender a súa propagación, xa que pode facer que o lume se desenvolva máis ou menos rápido e con maior ou menor intensidade", explica. E é que un grande incendio pode ter diversidade de comezos: pode ser de orixe natural, como foi o caso dos que afectaron a Valdeorras e O Courel no ano 2022, iniciados por un raio; ou pode ser de orixe humana, xa sexa por unha neglixencia, por intencionalidade vencellados a unha actividade incendiaria ou por causas descoñecidas. "O que si temos en calquera dos casos son unha serie de factores comúns nas causas de por que se chegan a facer grandes e con comportamento extremo", asegura o enxeñeiro de montes.
"O PRIMEIRO FACTOR SOBRE O QUE PODEMOS INCIDIR DENDE O PUNTO DE VISTA DE PREVENCIÓN DOS INCENDIOS É O TERRITORIO"
E entre eses factores, onde tamén se atopa a situación meteorolóxica, está precisamente o estado do territorio que estes lumes se atopan. "Ese é realmente o primeiro factor no que podemos incidir dende o punto de vista preventivo: o territorio, xa que a meteoroloxía é difícil de mudar", insiste o investigador da UVigo, que advirte da "importancia de traballar sobre o terreo para telo preparado, non tanto para evitar que os lumes se produzan, senón para que, cando se produzan, a súa propagación non sexa imposible de controlar". Neste senso, o máis importante sería reducir o combustible dispoñible. Que é o combustible dispoñible? A cantidade de biomasa, o tipo da mesma e o seu contido de humidade, que se atopa o incendio cando chega ao territorio e que facilita que as chamas prendan nel e continúen propagándose... "Ningúen acende a lareira cun tronco de carballo, acéndea con papel de periódico ou pauciños primeiro, porque o lume precisa de comezo un combustible facilmente dispoñible para arder, non só por condición de tamaño, senón tamén de humidade", exemplifica Picos Martín. Por tanto, poder traballar e modificar sobre a paisaxe a cantidade e as condicións do combustible dispoñible resulta fundamental de cara á chegada dos incendios.
Como se pode reducir ese combustible dispoñible? Como apunta o enxeñeiro de montes, hai moitas estratexias para facelo, que poden ir dende "intentar concentrar o crecemento da vexetación en fraccións menos combustibles, como pode ser concentrar o crecemento vexetal dunha masa forestal no tronco e nas pólas grosas antes que no mato por baixo das árbores, facendo un traballo silvícola preventivo; ou quitando directamente esa biomasa situada en fraccións herbáceas ou de mato que cando chega a época seca é fácil que ardan, mediante o pastoreo (as cabras adoitan ser os animais máis eficientes, pero tamén as ovellas, as vacas e os cabalos) ou as queimas preventivas e de baixa intensidade (nas que só se consuma esa fracción de biomasa que en verán pode estar dispoñible para o incendio, rebaixándoa en condicións controladas e sen afectar ao solo ou ás especies que non nos interesa que afecte, guiando o lume en función dos nosos propios intereses)". "Para todas as estratexias hai múltiples ferramentas coas que podemos ir traballando esa mudanza na paisaxe para facela moito menos favorable a unha rápida e intensa propagación dos lumes non desexados, e temos que ir xogando con unhas ou outras en función do lugar", afirma.
"A LOITA CONTRA O ABANDONO DAS TERRAS É TAMÉN UNHA LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS, ESPECIALMENTE NAS ZONAS ESTRATÉXICAS DE XESTIÓN"
Dun tempo a esta parte é moito o que se fala entre os propietarios de fincas particulares da necesidade de desbrozalas e limpalas para non incorrer en sancións administrativas. Con todo, como puntualiza Picos Martín, "realmente a lexislación ao que prioriza actualmente é a realizar traballos de limpeza preto das edificacións, vivendas e infraestruturas, non tanto no propio monte". Con isto, "o que están a buscar é defender as vivendas no caso de que se desencadee un incendio, ou facilitar o traballo dos servizos de extinción con seguridade preto delas; realmente as faixas de biomasa que están rodeando as edificacións non afectan á propagación xeral do lume". "Este é un traballo moito máis defensivo que o que os científicos e expertos en xestión do monte chamamos silvicultura preventiva xeral, que consiste en ser máis proactivos na parte forestal", asegura o enxeñeiro de montes. Aínda así, para poder levar a cabo esa parte proactiva, sen dúbida, fai falta xente no territorio e interese, algo que semella difícil de conseguir nunha Galicia onde o rural está máis despoboado a cada ano que pasa, con milleiros de fincas abandonadas e outras tantas de propietario descoñecido.
A despoboación e a fragmentación do monte son, por tanto, dúas realidades que afectan en grave medida á xestión dos nosos montes e á prevención dos incendios forestais. "Na lei pode poñer o que sexa que, se non hai quen a leve á práctica, non se fará nada", evidencia Picos Martín, que chama a "afrontar tamén outro tipo de medidas nesta loita contra os incendios, como a loita contra o abandono das terras". "Se non hai xente sobre o territorio, non imos ser quen de facer o que precisamos para frear o avance dos lumes, polo que a loita contra o abadono das terras é tamén unha loita contra os incendios forestais", asegura. E, coñecedor de que hai zonas para as que xa é demasiado tarde, zonas que xa se atopan completamente abandonadas, onde non hai propietario coñecido, chama a "artellar medidas de defensa dende a Administración en caso de que se considere estas zonas como puntos estratéxicos para a defensa contra os grandes incendios". "Iso non significa que a Xunta teña que tomar conta de todas as fincas abandonadas, pero si quizáis daquelas situadas no que chamamos zonas estratéxicas de xestión, aquelas onde realmente cada euro investido ou cada hectárea desbrozada son máis eficaces que noutras", argumenta o investigador da UVigo.
"OS CORTALUMES SON NECESARIOS, PERO NON SON A MELLOR FERRAMENTA QUE TEMOS PARA DETER OS GRANDES LUMES FORESTAIS"
E é que os estudos científicos realizados polo seu grupo puideron demostrar que "non todas as hectáreas son iguais, habendo áreas nas que é prioritario levar a cabo este tipo de actuacións porque axudan a evitar que os grandes incendios cambien de valo, por exemplo, ou salten dunha serra a outra". "Se somos quen de localizar esas zonas estratéxicas no territorio, xa non se trata dun problema de que o propietario das mesmas defenda o seu monte, senón que defender ese monte é defender ao conxunto dos propietarios do territorio e, por tanto, hai un interese xeral que fai que a Administración poida intervir nel", explica Picos Martín. Así, no caso de que nesas zonas de interese xeral haxa propietario coñecido, poderían dárselle axudas para que leve a cabo as tarefas de 'limpeza' precisas, porque hai un interese xeral que vai máis aló de que protexa os seus propios bens, centrado en que protexer os bens dese lugar axuda a protexer tamén os dos demais; e, nos casos nos que non hai propietario coñecido, esas tarefas debería asumilas a sociedade a través da Administración, en defensa do interese xeral e do ben común. "A propiedade privada é sagrada salvo que estea poñendo en perigo o interese xeral e a saúde e benestar do resto da poboación", apunta o investigador. Dende a UVigo traballan para determinar cales son esas zonas de interese estratéxico en proxectos internacionais como FIREPOCTEP+ ou USE4FOREST.
Botando unha ollada dende o lonxe a calquera monte galego, nel pódense apreciar claramente unha serie de liñas verticais carentes de vexetación, espazos de interrupción e mesmo separación entre masas arboladas. Son os coñecidos como cortalumes, que para Picos Martín, "se teñen algo malo, é o nome". E é que o feito de que se lles denomine cortalumes "pode transmitir a idea de que esas liñas libres de vexetación combustible poden parar un incendio, cando, en realidade, o que ao mellor logran parar é o flanco dun incendio, pero non a cabeza do mesmo ou non o incendio en xeral se se trata dun lume de propagación extrema". Por iso, aínda que concede que "son ferramentas moi útiles dende o punto de vista do dispositivo de extinción, porque son lugares onde se pode posicionar aos medios de extinción e meter maquinaria ou axudar a facer unha queima técnica durante o incendio, ter unha liña cortalume rodeando un macizo forestal moi grande non o protexe, necesariamente, contra os grandes incendios, como xa demostrou a experiencia". Así, segue sendo moito máis efectivo identificar eses lugares estratéxicos nos que un traballo en superficie facilita a eliminación do combustible propenso á propagación do lume. "Os cortalumes liñais son necesarios, pero realmente non son a mellor ferramenta que temos para deter os grandes lumes forestais", conclúe o enxeñeiro de montes.
"TODA ACTIVIDADE QUE SE FAGA SOBRE O TERRITORIO DEBE TER EN CONTA A VARIABLE DO LUME, XA SEXA A CONSTRUCIÓN DUNHA ESTRADA OU DUNHA CASA"
Así as cousas, pode entenderse que lonxe quedou esa afirmación de que os incendios se apagan no inverno. "Apáganse todo o ano, porque ao longo de todo o ano hai que traballar en prevención, iso si, tendo en conta as circunstancias das semanas anteriores e posteriores e a situación climática e meteorolóxica para priorizar unha cousa ou outra", reivindica Picos Martín, que aposta por "empezar a entender que este non é un problema de cando fago que, senón de manter un traballo ao longo de todo o ano". E mesmo chama a ir un paso máis aló e "entender que o conxunto das actividades sobre o territorio pode ter un carácter preventivo ou ao contrario". Neste sentido, confesa que "é importante manter a actividade agrogandeira e forestal, porque ambas teñen unha compoñente preventiva, pero tamén é importante á hora de facer infraestruturas ou planeamentos ter en conta cal é a zona que axuda a previr os incendios no lugar e non sobrepasala". "Hai que rachar con esa dualidade preventiva extintiva: temos que estar todo o ano traballando para previr os incendios, pero tamén temos que ter en conta que calquera actividade que se faga sobre o territorio debe ter en conta a variable dos lumes, xa sexa a construción dunha estrada, dunha nova urbanización ou (como xa pasou) dunha liña de AVE", conclúe o investigador da UVigo. O territorio é un todo que funciona de maneira indisoluble.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.