Entre 40 e 100 terremotos fan tremer a nosa terra cada ano, pero "o maior risco sísmico para Galicia é o que vén do mar"

O catedrático de Xeografía Dinámica e profesor emérito da Universidade da Coruña (UDC) Juan Ramón Vidal Romaní lamenta que, "para este risco, evidente, aínda non foi considerada normativa algunha".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/01/2025 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Un potente terremoto de magnitude 6,8 sacudiu esta mesma semana o Tíbet (China), cobrándose a vida de alo menos 126 persoas e deixando outras 188 feridas e 3.000 vivendas afectadas. En Galicia, cada pouco tempo salta nos medios de comunicación a noticia de que se rexistrou un tremor de terra nalgún concello galego. Xeralmente concéntranse nuns cantos puntos (Laza, Xinzo de Limia, Sarria, Becerreá, Triacastela...) e contan con baixa intensidade, sendo a maioría deles practicamente imperceptibles para as persoas. Cada moito máis tempo, escóitase dalgún que si que se deixou sentir nas infraestruturas e que mesmo fixo que se desprazasen obxectos. Con todo, de seguro que se saímos á rúa a preguntar á poboación se consideran Galicia como un lugar de actividade sísmica frecuente, nos dirían que non, pois non é o máis habitual asociar a nosa Comunidade a terremotos. Sen embargo, baixo os nosos pés agóchase moita actividade, aínda sen nós sabelo. Dende o Galicia Confidencial falamos co catedrático de Xeografía Dinámica e profesor emérito da Universidade da Coruña (UDC) Juan Ramón Vidal Romaní, que nos debulla as craves para entender a actividade sísmica de Galicia.

O mar con ondas polo temporal
O mar con ondas polo temporal | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

Como nos conta, "en Galicia, por termo medio, pode haber entre 40 e 100 sismos ao ano". Nesta cifra "inclúense non só os que teñen hipocentro/epicentro en Galicia como tal, senón tamén os que o teñen na plataforma continental, ata chegar ao talude continental a 200 metros de profundidade, e tamén unha franxa de 20-30 quilómetros no bordo continental asturián, leonés e portugués". Vidal Romaní asegura que, "por norma xeral, estes sismos non varían moito dun ano para outro, descontando o caso dunha crise sísmica en todo o bordo da Península Ibérica, xa sexa nos Pirineos ou no estreito de Xibraltar, en cuxo caso increméntanse os sismos percibidos no estreito territorio de Galicia". Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), que permite ver en tempo real os sismos rexistrados nos últimos días, nos últimos 30 días Galicia rexistrou múltiples terremotos, sendo os máis destacados pola súa magnitude: 2,2 en Covelo (1 de xaneiro); 2,1 en Laza (25 de decembro); e 3,0 en Baleira (19 de decembro).

"NON HAI PATRÓNS CLAROS NIN TENDENCIAS, AGÁS A SITUACIÓN XEOGRÁFICA"

Os terremotos rexistrados en Galicia "relaciónanse na súa meirande parte coa actividade das placas litosféricas que están todo ao redor da Península Ibérica", explica o catedrático da UDC. Como apunta, "isto significa que o epicentro de todos os sismos vai caer en dúas aliñacións: a primeira, todo o bordo norte da Península Ibérica, paralelo á costa cantábrica, xa sexa na franxa submariña xa sexa nas elevacións montañosas da Cordilleira Cantábrica que morren no triángulo Becerreá-Triacastela-Sarria; a segunda, a chamada Depresión de Ourense, que vén coincidindo con dous segmentos, un que coincide co trazado do río Miño entre o seu nacemento e Os Peares, e outro que vai dende Celanova ata a desembocadura do Miño na Guarda-Caminha". Así, "calquera evento grave no sur (Xibraltar) ou no norte (Pirineos) tradúcese nunha xeración de sismos que afectan a Galicia tanto en terra como na plataforma continental somerxida (ata 200 metros de profundidade máxima)".

Ademais, Vidal Romaní afirma que nestes terremotos "non hai patróns claros nin tendencias, agás a situación xeográfica sinalada". O que ben é certo é que "a periodicidade dos mesmos e a súa intensidade é baixa". Aínda que hai rexistros históricos que dan conta de grandes terremotos. Por exemplo, o terremoto rexistrado o 22 de maio de 1997 en Sarria-Becerreá, que marcou 5,1 na escala de Ritcher. Caeu o campanario dunha igrexa en Baralla, derrubouse a parede dunha vivenda en Becerreá, numerosas casas rexistraron gretas e houbo desprendementos de cascotes en moitos edificios. Indo máis atrás no tempo, hai rexistros non instrumentais de terremotos como o que produxo o desprendemento na fervenza do Ézaro en 1217, ou o tsunami e sismo relacionados co terremoto de Lisboa de 1755, que demostran que ambos foron superiores en intensidade ao de Becerreá de 1997. Igualmente, tense constancia dun terremoto na Serra do Galiñeiro (cova da Trapa) no terceiro milenio antes de Cristo, sendo a deste, sen dúbida, a datación máis antiga polo de agora de movementos sísmicos en Galicia.

Sismógrafo
Sismógrafo | Fonte: Pixabay

"GALICIA É A CUARTA ZONA CON MÁIS ACTIVIDADE SÍSMICA DA PENÍNSULA"

Como se pode observar, os sismos non son algo alleo á realidade galega, nin moito menos. O catedrático da UDC asegura que "Galicia é a cuarta zona con máis actividade sísmica da Península Ibérica; a primeira é o sur, no estreito de Xibraltar, a segunda atópase no litoral mediterráneo e a terceira está situada nos Pirineos, sendo o conxunto de Galicia (costa e interior) a cuarta". E esta actividade na Comunidade, como explica, "débese nomeadamente ao movemento das placas litosféricas de Eurasia e a Africana". "Ambas as dúas rexen sobre a Península Ibérica facendo que se sentan os terremotos, xa sexa indirectamente, xa sexa facendo mover a placa ibérica e creando terremotos na propia Galicia, que virán rexistrados polos epicentros e hipocentros sobre ela", explica Vidal Romaní. Ademais, "ás veces tamén se rexistran terremotos-tsunamis que teñen a súa orixe mesmo moi lonxe de Galicia, pero cuxas ondas chegan exclusivamente á beiramar galega, causando desastres nos terreos veciños ao mar". Ese foi o caso do repetidamente nomeado terremoto de Lisboa de 1755 (un dos terremotos máis destrutivos e mortais da historia recente que causou a morte de entre 60.000 e 100.000 persoas, seguido por un tsunami e un incendio que causaron a destrución case total da cidade), aínda que nalgún traballo xeolóxico identifícase un destes tsunamis ou maremotos na ría de Muros hai 24.000 anos.

Con esta radiografía feita, cales serían as zonas de Galicia con maior perigo ante un terremoto? Vidal Romaní teno claro: "As máis perigosas son as zonas montañosas, xa que logo dun terremoto pode producirse un deslizamento de rochas que pode ser importante, como exemplificou o sismo da Serra do Galiñeiro e o deslizamento de Trapa de hai 5.000 anos". Máis tamén hai moitas testemuñas, aínda sen dar datas absolutas, de grandes deslizamentos que hoxe son visibles no conxunto de terreos dos canóns do Sil, na zona entre A Rúa e Os Peares, especialmente na zona da Ribeira Sacra. "Nos últimos 3.000 anos, despois de que o mar inundase as rías galegas e chegase ao pé dos cantís actuais, aínda que non coma algo frecuente, as ondas dos tsunamis poderían ter producido, ou aínda poden producir, grandes movementos de rochas en toda a costa galega", advirte o experto, que sinala como exemplo ás covas dos Profundos, no Monte Louro, en Muros, que "probablemente foron feitas por un destes movementos sísmicos que fixo amorearse gran cantidade de bloques de rocha ata crear ditas covas". Ese é só un dos múltiples exemplos dun fenómeno que se repite dende Cabo Ortegal ata o Pindo, e no Galiñeiro con moita frecuencia.

"ANTE UN MAREMOTO OU TSUNAMI, NON HAI DESEÑADO PLAN DE AVISO ALGÚN"

Pero, como de real é o risco de que no futuro teñan lugar en Galicia grandes terremotos que cheguen a afectar ás infraestruturas gravemente ou que mesmo poidan chegar a poñer en perigo vidas humanas? Ante esta pregunta, Vidal Romaní chama a diferenciar os terremotos dos tsunamis ou maremotos. Así, no tocante aos primeiros, apunta que "a estatística dinos que os terremotos terrestres do futuro non é moi probable que cheguen a superar o de Becerreá-Sarria-Triacastela de 1997". Sen embargo, "e aínda que excepcionalmente, en todas as covas cársticas existentes nas montañas galegas con calcarias se teñen observado algúns grandes desprendementos que poderían ter sido motivados por sismos". Deste xeito, como explica o catedrático da UDC, "a opinión xeralizada é que non hai unha grande actividade sísmica nas zonas montañosas ao longo do último medio millón de anos, o que permite supór que o risco coñecido a partir do rexistro instrumental non autoriza a presumir un empeoramento da situación sísmica, cando menos en terra".

Agora ben, outra cousa é o que aconteza no mar e, nomeadamente, na beiramar. "Os maiores riscos de terremotos na costa de Galicia dependen da chegada das ondas dos tsunamis e estes, á súa vez, dependen de factores alleos a Galicia (esencialmente da actividade volcánica), ás veces mesmo moi alonxados da Península Ibérica", explica Vidal Romaní. Así, "considerando que a suba do nivel do mar ten sido moi activa durante os últimos 12.000 anos, nomeadamente nos últimos 3.000, que é cando o mar entra nas rías galegas, o risco sísmico máis importante para Galicia é o que vén do mar". Neste senso, o catedrático da UDC advirte de que "as poboacións e asentamentos urbanos máis importantes de Galicia corresponden ás zonas costeiras (Vigo, Pontevedra, A Coruña e Ferrol son importantes urbes situadas todas á beira do mar), aos que se suman moitas outras vilas menores dispersas por toda a costa galega". "Todas estas localizacións de xente están nunha situación vulnerable perante un tsunami que pode vir en calquera momento e dende calquera parte do océano", advirte Vidal Romaní, que lamenta que, ante unha catástrofe así, "non hai plan algún de aviso, como o que se ten agora para as inundacións ou a rotura de barraxes".

SE A TÚA CASA TEN MENOS DE 28 ANOS, FOI DESEÑADA PARA RESISTIR OS SISMOS

Cunha actividade sísmica tan coñecida e estudada nos últimos anos, as autoridades non tardaron en deseñar plans de construción que permitisen que as vivendas actuais galegas sexan resistentes aos terremotos. "Xa dende hai moitos anos e especialmente dende 1997, a normativa de construción para edificios e infraestruturas novas en Galicia está adaptada á actividade sísmica que existe na Comunidade", asegura Vidal Romaní. Pero tamén "en tempos anteriores a 1997 os modos de construción estaban axeitadamente adaptados á sismicidade existente en Galicia, de tal xeito que as construcións con máis de dous mil anos de antigüidade teñen resistido perfectamente a actividade sísmica galega, por exemplo, as construcións rurais galegas anteriores aos romanos, feitas especialmente con mampostería seca, teñen resistido perfectamente os sismos durante miles de anos", expón o catedrático da UDC. O problema é que nunca se pensou na protección fronte aos tsunamis, de maneira que "para este risco, evidente, aínda non foi considerada normativa algunha".

Así mesmo, ademais dos fortes terremotos, as construcións tamén deben ser resistentes a tremores de terra prolongados e sumativos, xa que despois dun terremoto sempre adoitan vir outros de menor intensidade detrás (réplicas). Ao respecto, Vidal Romaní explica que "os movementos sísmicos, agas os tsunamis por ser movementos de ondas, son resultado dos reaxustes das formacións rochosas que compoñen a Terra cando se acomodan a unha liberación de tensións acumuladas nun punto ou nunha zona da Terra". "Ese reaxuste pode producirse dunha vez ou pode facerse gradualmente ao longo dun intervalo de tempo máis demorado", apunta, de tal maneira que "mentres non se libere a tensión acumulada nese punto o reaxuste vai estar xerando movementos sísmicos, de intensidade crecente e decrecente, ás veces durante un longo período de tempo". Nos últimos anos, segundo apunta o catedrático da UDC, "para explicar a persistencia durante moito tempo dos movementos sísmicos, os sismólogos bótanlle a culpa á acumulación de fluídos, nomeadamente auga, onde se están a mover as formacións rochosas", de maneira que "mentres non se eliminen todos eses líquidos, a Terra vai seguir producindo sismos encadeados que non parecen rematar nunca". A modo de exemplo, sinala o caso do ano 2012 en Santa Fé, na Veiga de Granada, onde se concentrou durante máis de dous anos unha secuencia continuada de máis de 3.000 episodios sísmicos que se explicou "por causa da acumulación de auga na zona dos sismos, persistindo os mesmos ata que marchou toda a auga".

"HOXE PODEMOS SABER CANDO SE VAI PRODUCIR UN SISMO, PERO OS GOBERNOS DALGÚNS TERRITORIOS NON ESTÁN INTERESADOS EN PREVIR Á POBOACIÓN"

Chegados a este punto, xorde outra pregunta: é posible predicir un terremoto? "A predición dos terremotos faise de dous xeitos principais: polos estudos xeolóxicos sabemos onde se van producir e a súa magnitude e intensidade probable, o que aínda non se sabe é o momento exacto de cando se vai producir un movemento", indica Vidal Romaní, que, con todo, asegura que "como os movementos sísmicos terrestres na Península Ibérica teñen unha certa relación coa zona de máxima perigosidade no sur ou no norte, a partir deses puntos sabemos que os movementos sísmicos adoitan propagarse no senso contrario ao movemento das agullas do reloxo segundo a contorna da Península Ibérica". Ademais, asegura que "a tecnoloxía de monitorización sísmica ten avanzado moito tanto na distribución da rede de sensores en terra, de seguimento por satélite e, especialmente, de transmisión instantánea de información a través de Internet".

"Hoxe máis que nunca temos a posibilidade de saber cando se vai producir un movemento sísmico e cales son as súas características (intensidade, magnitude e posicionamento en superficie --epicentro-- ou en profundidade --hipocentro--), o que, asociado ao coñecemento xeolóxico da distribución das placas litosféricas en toda a superficie da Terra e da súa dinámica fai posible que se poida adiantar a prevención dos riscos asociados a calquera terremoto", asegura Vidal Romaní, que lamenta que, "moitas veces, cando se sabe que se vai producir un sismo, especialmente se se vai dar nunha rexión subdesenvolvida, se non se chega a dar a coñecer a información é porque os gobernos responsables deses territorios non están interesados en previr á poboación, porque pensan que non hai maneira de evacuar ás persoas en risco".

Tsunami
Tsunami | Fonte: Corina Constantinov - Unsplash
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta