Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2025 | Actualizada ás 11:47
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, confirmou este mércores que a onda de gripe continúa cunha intensidade "baixa", pero con "tendencia crecente". No entanto, será este xoves cando coñeza o último informe con datos actualizados que elabora a Dirección Xeral de Saúde Pública.
A preguntas dos medios durante unha visita ao Hospital de Conxo, en Santiago, Gómez Caamaño volveu a facer un chamamento á vacinación tras destacar que case hai 800.000 persoas inmunizadas en toda Galicia. Segundo cifras do Observatorio de Saúde Pública, son 785.420. O conselleiro recoñeceu que agora "sobe moi amodo" o índice de vacinación ao estar "a finais" da campaña desta tempada, que se prolongou ata o 31 de xaneiro.
En calquera caso, o titular de Sanidade insistiu nese chamamento a vacinarse "porque diminúe moito a gravidade das infeccións" e permite baixar as asistencias nos centros de saúde e os ingresos nos hospitais.
Ademais, Gómez Caamaño recoñeceu a necesidade de "intensificar" as campañas de vacinación entre os propios profesionais sanitarios, xa que a porcentaxe de inmunización este ano é só do 49,33 por cento. "Temos aínda que mellorar", admitiu o conselleiro, a pesar de que Galicia está mellor que "o resto de España".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.