Castelao académico, unha web afonda na figura do rianxeiro como membro da RAG

A Real Academia Galega estrea na súa web un novo espazo no que irá amosando ao longo do Ano Castelao os fondos que custodia relacionados coa vida e a obra do rianxeiro máis universal, dende manuscritos e fotos ata materiais bibliográficos e hemerográficos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 07/01/2025 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

A Coruña, martes 7 de xaneiro de 2025.- Tal día coma hoxe, o 7 de xaneiro de 1950, morría no exilio bonaerense Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Membro de número da Real Academia Galega, a institución dedicoulle en 1964 o segundo Día das Letras Galegas. No 75 aniversario do seu pasamento, a RAG súmase ás celebracións que lembrarán a súa figura e o seu legado estreando un novo sitio web no que irá incorporando, ao longo dos vindeiros meses, distintos fondos que custodia relacionados con quen é “sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea”. “Xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía no século XIX. Castelao no XX”, salienta na presentación do espazo Víctor F. Freixanes. O presidente da Academia asistirá este mediodía á homenaxe no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres coa que arrinca a programación conmemorativa que desenvolverán ao longo do ano distintas entidades.

Un debuxo de Castelao do libro de banda deseñada sobre a historia da lingua galega
Un debuxo de Castelao do libro de banda deseñada sobre a historia da lingua galega | Fonte: UVigo

Mentres Castelao viviu no obrigado desterro, a RAG non declarou vacante a súa cadeira, en recoñecemento ao seu legado e á súa significación. “Galicia somos todos e todas, e a cultura galega é un proxecto en construción que se expresa en formas e con sensibilidades diferentes. Vivimos un tempo de grandes desafíos que debemos afrontar dende a esixencia crítica e con afouteza, dende o traballo e con ilusión, mais tamén con espírito crítico aberto, pois somos parte do mundo, non unha illa, e coa casa disposta a recibir a quen quere vir traballar nela, sen sectarismos, sen exclusións. Tal é o espírito que a obra de Castelao nos transmite”, reflexiona.

O novo sitio de academia.gal que se estrea hoxe consta de dúas seccións. En Castelao na RAG preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. “Este espazo acolle tanto os documentos gráficos e textuais conservados no noso arquivo —manuscritos dalgunhas conferencias, textos da súa autoría e outros documentos que sinalan a pegada que deixou Castelao— coma a súa presenza nos fondos bibliográficos e hemerográficos. Preténdese con todos eles ilustrar a obra e a biografía do rianxeiro”, explica o académico Henrique Monteagudo.

Na outra sección, Pezas destacadas, membros da RAG e outros especialistas presentarán cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao. “Aínda que non todas estean hoxe depositadas nas instalacións da RAG —como é o caso dos grandes cadros de cegos que se poden visitar no Museo de Pontevedra—, todas son propiedade da institución e como tales as ofrecemos ao público”, engade Monteagudo.

A primeira peza da colección da RAG que se amosa é a bandeira do Consello de Galiza, denominada bandeira de Castelao, empregada nas exequias do escritor en Buenos Aires, que foi doada á Academia pola súa viúva. O encargado de comentala é Carlos Brandeiro, académico correspondente fincado na capital arxentina, quen recorda como a despedida deste galego universal conmoveu a cidade porteña: “Artigos nos xornais máis importantes da Arxentina; adhesións dende diferentes partes do mundo; emoción e dor nos discursos; milleiros de mans que teimaban en tocar o féretro; nove carrozas que portaban 87 coroas florais; unha manifestación que paralizou a avenida Belgrano; un funeral de Estado”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta