Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 29/12/2024 | Actualizada ás 13:00
Naqueles contextos en que hai varias persoas ou entidades que entran en liza por ver quen é a primeira que consegue facerse con algo ou que consegue facer algo, en castelán adóitase dicir aquilo de a ver quen é o que (se) lleva el gato al agua.
En galego, amais da tradución calcada do fraseoloxismo castelán, contamos tamén con outras secuencias expresivas que dan conta do mesmo contido:
Llevar(se) el gato al agua
{= Ser unha persoa ou entidade a primeira que consegue facerse con algo ó que están optando varias, ou ben ser a primeira que consegue facer algo ó que aspiran varias.}
Levar o gato ó souto
Levar a ovella ó río
Levar o gato á auga
Ex.: Con quince años a todos los del grupo nos molaba Amalia y queríamos ser su novio, pero finalmente fue Anxo el que se llevó el gato al agua.
Con quince anos a todos os do grupo nos laiqueaba Amalia e queriamos ser o seu mozo, pero ó cabo foi Anxo o que levou o gato ó souto ‡ o que levou a ovella ó río ‡ o que levou o gato á auga.
● Tamén:
Levar o gato ó fol && Levar o rato ó fol
● Tamén, como expresións que en orixe se circunscriben ó ámbito da competencia por ver quen acaba primeiro un traballo, nomeadamente de carácter agrícola, que están a facer á vez varias persoas:
Botarlle a aña a alguén && Botarlle o burro a alguén && Botar a aña && Botar # Meter o burro && Botar a/unha gata
Ex.: Con quince anos a todos os do grupo nos laiqueaba Amalia e queriamos ser o seu mozo, pero ó cabo foi Anxo o que nos botou a aña a todos ‡ o que nos botou o burro ó resto ‡ o que botou a aña ‡ o que botou o burro ‡ o que meteu o burro ‡ o que botou a/unha gata.
NOTA:
As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.