Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/01/2025 | Actualizada ás 14:10
O legado activo Beiras Cal conmemora o 75 cabodano da morte de Castelao divulgando nas súas redes sociais un diario inédito dunha das singradura dos Ultreyas, o colectivo nacionalista ao que pertencía Antón Beiras, tío de Xosé Manoel Beiras, e que fora fundada polo mestre Álvaro das Casas.
Desa singradura ata agora tíñase noticia a través do diario de abordo do propio Álvaro das Casas. Este documento do Arquivo Beiras Cal vén completar a información proporcionada por D. Álvaro a través dos ollos dun mozo de 16 anos que participou na expedición. Unha expedición na que tivo a honra de escoitar un discurso do político Castelao que leu versos de poetas españois que "denigraban" aos galegos que traballaban en Castela e noutras zonas do Estado.
Nese ano 1932 Antón Beiras foi o mozo Ultreya elixido para relatar o periplo da xeira dos ultreyas nas celebracións do 25 de xullo e a súa intervención foi reproducida en El Pueblo Gallego do 6 de agosto nun artigo de opinión asinada por el e titulada “Lembranza querendosa. O que foi e siñifica a Xeira dos Ultreyas”.
Entre a documentación do Arquivo atópase este diario de abordo feito nunhas tiras de papel de 38 centímetros de longo por 10,5cm de ancho, escritos a man por ambas caras e que conta con algún debuxo feito polo propio Antón Beiras. Xa se coñecía polo tanto que Castelao se encontrara cos Ultreyas nunha conferencia no Liceo de Noia, sen embargo o documento que agora se fai público permítenos coñecer uns apuntamentos sobre o contido do discurso de Castelao no Liceo e conta unha anécdota tan simpática como inxenua e auténtica, vista polos ollos dun daqueles rapaces das mocidades dos Ultreya na súa despedida no peirao de Noia.
SALA CHEA DE XENTE
O texto reproducido nas redes sociais do Legado Activo Beiras Cal di así:
“Despois de comer nos arreglamos e dispoñémonos a levar anclas e despois de facer os últimos preparativos salimos a motor pra Noya. Chegamos e con sorpresa para nos vemos que se nos recibe con un disparo de 6 bombas e logo un nutrido grupo de xente que chega por todal´as ruas que van ô muelle. Con gran orden e disciplina desembarcamos por poblacións nu’a chalana dos rapaces de Noya. Eu con Carlos vou dar un’a volta por Noya hasta que chega Castelao pra dar un’a conferencia no Liceo. Despois de dar un’as voltas vamol’o a atopar. Está emocionado sendo o noso contento e a nosa arela. Logo nos encontramos cos amigos que nos esperan no Liceo e que nos agasallan como nunca creimos. Pol’a noite eu teño a ansia de oir a verba cariñosa de Castelao. Por fin chega a xente i-eu acomodome para non deixar escapar nin un’a sola d’as suas vervas, pero pronto teño que poñerme de pé pois e tal a afluenza de xente que non é capaz a sala pra poder estar sentados todos. Pronto chega Castelao e un’a salva de aprausos acolle a sua entrada n’a sala que xa está chea de xente.
Cóntanos Castelao os desprecios de que son obxecto os galegos n´as demais rexions de Hespaña e logo le versos de autores castelans que son un verdadeiro insulto para Galicia. Logo di da falta que fai preparar a xuventude para o día de mañan, e termina decindo que esa xuventude serán os ultreyas e eu aplaudo cun’a fe e cun’a espranza.
Logo concurrimos à cea que en seu agasallo está preparada. Eu fagoo c´un apetito sin igual pois xa fai dous dias que xantamos á maneira d´os mariños e un’a cea asi non pode ser tomada con verdadeira vorazidade. Despois da cea marchamos durmir; eu por miña parte con Carlos a todo brincar, para chimpar no correo un’a carta pra casa.
Chegamos ô muelle e como a marea non e bastante estan todos en terra discurrindo o modo de pasar ô barco; collemos por fin un’as tablas e poñemolas hastra un veleiro intermedio e dende alí xa se pode andar en bote hasta o “Joaquin Perez”. Facemo’lo por turno e logo de despedirnos de Castelao e Martínez López ao que xa lle profeso un gran cariño cantamos Ei, Armorica. Eu por miña parte fagoo moy mal pois non sei o tono de modo e como algúns están o mesmo que eu Castelao case se bota a rir ô ber que non damos xeito ô himno”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.