Só 28 dos 138 concellos galegos de menos de 2.500 habitantes non perderon veciños no 2024

O caso de Ferrol continúa a ser preocupante, pois hai grandes vilas que creceron en poboación por enriba da considerada unha das sete grandes cidades galegas, como foi o caso de Arteixo e Oleiros, segundo os datos definitivos de poboación publicados polo INE a peche do ano 2024.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/01/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia gañou habitantes este 2024 con respecto aos anos anteriores, rexistrando unha cifra marca de 2.705.833 galegos (6.409 habitantes máis que no 2023). Sen embargo, o que a simple vista podería semellar ser unha boa noticia, non casa coa división da poboación ao longo e ancho do territorio. E é que aínda que as grandes cidades e as zonas limítrofes ás mesmas seguen aumentando ano tras ano, o certo é que as pequenas vilas e, sobre todo, os pequenos concellos do rural e do interior galego continúan perdendo veciños a pasos axigantados (na maioría dos casos). Deste xeito, os municipios que xa eran grandes, fanse máis grandes, mentres que os que eran pequenos, fanse máis e máis pequenos, chegando mesmo a perigar a súa supervivencia. Esta é a análise que facemos dende o Galicia Confidencial dos datos definitivos de poboación publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) a peche do ano 2024.

Pepe, un dos últimos veciños da aldea de Muiñou, amosa as rúas de San Pedro de Bogo, unha aldea que chegou a contar con 170 habitantes nos anos 60 e onde hoxe só habitan 4 veciños, a 16 de febrero de 2023
Pepe, un dos últimos veciños da aldea de Muiñou, amosa as rúas de San Pedro de Bogo, unha aldea que chegou a contar con 170 habitantes nos anos 60 e onde hoxe só habitan 4 veciños, a 16 de febrero de 2023 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Se nos fixamos nos seis concellos galegos con menos de 500 habitantes (Negueira de Muñiz, A Teixeira, Beade, Larouco, Chandrexa de Queixa e Pontedeva), unicamente un, Negueira de Muñiz, non perdeu habitantes no 2024, aínda que tampouco os gañou, quedando con 240 veciños, que son os que xa tiña no 2023. Se ampliamos a mira ata os concellos que chegan aos 1.000 habitantes, atopámonos con que só 9 de 35 (o 26 %) gañaron ou non perderon poboación. A Negueira de Muñiz habería que sumar neste caso San Xoán de Río (+1 veciño), Parada de Sil (+5), Mondariz-Balneario (+13), Punxín (+7), Os Blancos (0), Vilar de Santos (+2), Beariz (+1) e Ourol (+3). Entre todos os demais, o que perdeu un maior número de habitantes foi Lobeira (-51 veciños), seguido de Castrelo do Val (-41) e A Veiga (-41).

No caso de seguir avanzando no listado ata os concellos que contan con ata 1.500 habitantes, vemos que un total de 20 dos 85 que se atopan nesta situación gañaron ou non perderon poboación no 2024 (o 24 %). Así, aos anteriormente citados, habería que sumar tamén os aumentos de poboación que tiveron os municipios da Mezquita (+5 veciños), As Somozas (+9), Esgos (+2), A Bola (+25), Castro Caldelas (+17), Vilarmaior (+18), A Gudiña (+5), Irixoa (+17), Rubiá (+5), Taboadela (+3) e Bóveda (+5). No lado oposto, os concellos que máis habitantes perderon tendo menos de 1.500 foron Dozón (-152 veciños) e Castrelo de Miño (-57). Se nos fixamos agora naqueles concellos que chegan aos 2.000 habitantes, obtemos que só 26 dos 119 totais gañaron poboación o xa pasado ano (o 22 %). Así, ao listado que xa tiñamos engadimos os casos de Leiro (que non sumou habitantes, pero tampouco os perdeu), Corcubión (+28 veciños), A Pobra de Brollón (+55), Lobios (+26), Coirós (+8) e O Valadouro (+22). Coas novas incorporacións, o concello de menos de 2.000 habitantes que máis veciños perdeu no 2024 seguiría sendo Dozón (-152), pero o segundo posto sería para Crecente (-74) e o terceiro para Padrenda (-68).

Xa no caso daqueles concellos que chegan ata os 2.500 habitantes, vemos que hai só 28 de 138 (o 20 %, é dicir, un de cada cinco) que non perderon poboación no 2024. Aos xa citados habería que sumar como municipios con máis veciños que no 2023 Amoeiro (+11 veciños) e Abadín (+14). Neste caso, o concello que máis veciños perdeu tendo xa menos de 2.500 seguiría a ser Dozón (-152), pero no segundo posto entraría Covelo (-146) e no terceiro Pantón (-78). Finalmente, ampliando o listado ata os concellos que teñen menos de 3.000 habitantes, obtemos que tan só 31 de 158 municipios galegos gañaron veciños o pasado ano (o 20 %), engadindo aos xa citados os casos sumativos de Láncara (+7 veciños) e Pazos de Borbén (+1). Así, aínda que o primeiro concello con menos de 3.000 habitantes que máis veciños perdeu no 2024 seguiría a ser Dozón (-152) e o segundo Covelo (-146), entraría no terceiro posto Dumbría (-85 veciños).

En resumo, en Galicia hai un total de 158 concellos que teñen menos de 3.000 habitantes (algo máis da metade dos 313 que compoñen o mapa autonómico), dos cales só 31 (pouco menos de 1 de cada 5) non perderon veciños o pasado ano. Así, o listado dos que maior número de habitantes perderon queda do seguinte xeito: Dozón (-152), Covelo (-146), Dumbría (-85), Punxín (-78), Crecente (-74), Padrenda (-68), Frades (-68), Fornelos de Montes (-67), Antas de Ulla (-62), Castrelo de Miño (-57), Paradela (-51), Taboada (-51), Castroverde (-51) e Lobeira (-51). Pola contra, os que máis habitantes gañaron serían: A Pobra do Brollón (+55), Corcubión (+28), Lobios (+26), A Bola (+25), O Valadouro (+22), Vilarmaior (+18), Castro Caldelas (+17), Irixoa (+17), Abadín (+14), Mondariz-Balneario (+13) e Amoeiro (+11).

Anciáns, envellecemento, saúde, sanidade, idade, paseo, maiores
Anciáns, envellecemento, saúde, sanidade, idade, paseo, maiores | Fonte: XUNTA - Arquivo

AS GRANDES CIDADES E AS VILAS LIMÍTROFES CONTINÚAN MEDRANDO

Indo ao extremo contrario, observamos que un ano máis son as grandes cidades e os concellos de máis de 20.000 habitantes os que continúan gañando poboación (aínda que non a tanta velocidade como podería pensarse). Así, dentro das sete grandes cidades, no 2024 a que máis creceu foi A Coruña, con 1.905 habitantes máis que no 2023; seguida de Lugo, con 1.176; Santiago de Compostela, con 775; Vigo, con 613; Ourense, con 538; Pontevedra, con 514; e Ferrol, con 353. Aínda que o caso de Ferrol continúa a ser preocupante, pois hai grandes vilas que creceron en poboación por enriba da considerada unha das sete grandes cidades galegas, como foi o caso de Arteixo (+498 veciños) e Oleiros (+473).

Ademais, deixando a un lado as sete grandes cidades, o listado de vilas que máis veciños gañaron no 2024 é o seguinte: Arteixo (+498), Oleiros (+473), Ames (+321), Monforte (+319), Sada (+298), Narón (+250), Sarria (+217), Melide (+187), Culleredo (+184), Carballo (+184), Verín (+182), Miño (+179), Betanzos (+169), Salvaterra de Miño (+167), Nigrán (+162), O Porriño (+157), O Carballiño (+117), Tui (+114), Oroso (+112), Vilagarcía de Arousa (+110), Poio (+106), Burela (+104). A excepción de Burela, Melide e Miño, todos os demais son concellos que superan os 10.000 habitantes.

Agora ben, tamén hai grandes vilas de máis de 10.000 habitantes que perderon habitantes o pasado ano. Así, entre aquelas que superan os 20.000 habitantes, un total de 23, houbo dúas que perderon veciños (o 9 %): Cangas (-77) e Marín (-113). Ampliando a mira ata os concellos de máis de 15.000 habitantes, serían 3 dos 34 que ten Galicia os que terían perdido habitantes no 2024 (o 9 %), sumándose aos anteriormente citados Moaña (-10). E entre as vilas que superan os 10.000 habitantes, habería 10 das 56 que tamén perderon veciños o pasado ano con respecto ao 2023 (o 18 %), engandíndose ao listado anterior Vilalba (-78), Tomiño (-17), Fene (-32), Baiona (-29), Bueu (-88), Rianxo (-105) e Vilanova de Arousa (-3).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pódese saber de onde viñeron eses 6.409 habitantes máis que no 2023 ? Sería boa cousa saber se veñen de Venezuela, Ecuador, Mali, Marrocos... E no caso de que os 6.000 veñan de fóra de Galicia, saber onde se asentan, se nas grandes cidades ou en vilas do rural. Así os datos terían algo máis de sentido e poderíamos saber exactamente o que estamos facendo cos programas de "repoboación de Galicia" que financia a Xunta do PP ?