‘A boca da sombra’, de Emma Pedreira, lonxe da superficie, unha viaxe aos adentros

A última obra, publicada neste ano por Aira Editorial, da escritora, filóloga e artista plástica coruñesa rompe con todos os convencionalismos nun thriller orixinal e desacougante, a partes iguais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/01/2025 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Por Óscar Baamonde

Tapa do libro de Enma Pedreira, A boca da Sombra
Tapa do libro de Enma Pedreira, A boca da Sombra | Fonte: Aira Editorial

Podemos chamala de moitas maneiras, unha sorte de ficción narrativa con elementos dispares e dispostos de maneira anárquica; un exercicio de estilo que se afasta das formas de narrar máis convencionais; unha novela que tece os fíos da inquietude de maneira orixinal e que fai uso dos códigos e mecanismos do terror, da poesía e do humor; tamén, unha novela de personaxes cunha narrativa que xoga coa multiplicidade de voces, diferentes puntos de vista e que saltan dunhas a outras coa mesma levidade coa que algúns funcionarios da administración (¡máis dun e máis de dous!) sáltanse as horas do traballo (non se saltan a hora do xantar, non teñas medo). Podedes poñerlle o nome que máis vos agrade a este poliedro literario.

Pero imos ao importante. A trama xira en torno a unha cidade ficticia coñecida co nome de Putown, que foi levantada polas prostitutas e soldadeiras sobre as cinzas do que un día foron os territorios de Mittelterra, mais “esfarelouse entre as batallas polo poder” durante tres décadas. Unha cidade “femia, animala e aberta”, na que “as portas non pechan nunca, os ollos de xanelas e xentes están sempre abertos e as mulleres esgazan como mandarinas”. Baixo os engrenaxes desta cidade amurallada, un/unha asasino/a comeza a matar a todas as prostitutas que gobernan nela. Dende as primeiras páxinas do libro síntese o desacougo que asola a cidade e o sucio ar que se ergue sobre as testas dos habitantes: “nestes tempos abren e pechan as súas portas demasiadas veces e neses momentos un aire que chega do extramuros invade a nosa perfecta endogamia. E co aire entra tamén algo máis que nos infecta. Aínda que pode ser que ese algo xa estivese dentro, residindo entre nós desde hai algún tempo”. Neste escenario, irán aparecendo todo tipo de personaxes e narradores, dende o inspector Bou, pasando polo doutor Bastian, o verdugo Bernabé, Benedicto ou unha interpretación moderna do barqueiro do inframundo, as prostitutas da cidade e, inclusive, o propio asasino; ben para relatar os sucesos ou ben para acercarnos unha reflexión sobre os seus temores e medos máis profundos, todo isto permitirá ir engadindo máis cor e matices ao lenzo que nos debuxa a autora.

A forza deste libro non se atopa no relato, os asasinatos acontecidos en Putown semellan máis ben unha escusa para poñer en escena o que de verdade lle interesa a autora, poñer en palabras un universo que dificilmente deixará indiferente ao lector. Falamos da construción deste orbe particular, os recursos formais e estilísticos que se empregan para cimentar esta historia; a forma en que se conta sendo máis importante o ‘como’ e non tanto o ‘que’. Outro dos grandes valores desta obra reside no seu discurso feminista, valente e arriscado no seu tratamento da prostitución, articulado en torno aos temas do corpo, entendido como un poder obtido case por dereito divino, e o pracer, que ben a substituír á relixión coma brazo rexedor da ética e do moral: “Non temos relixión, temos conciencia e sentido da hixiene moral e da limpeza”, “por iso aquí o pracer manda, dirixe e autodetermina”. O poder de decisión da muller, o seu empoderamento cando toma conta da súa propia pel e a prostitución emerxe como un modo de vida por autodeterminación: “Os corpos tiñan este mal de ser muller que agora é orgullo”; “antes de perder as guerras e as fes, pais e nais consagraban fillos e fillas ao oficio divino, a servir a deuses (...) Agora entrégannolas a elas (...) Deidades de nova construción chamadas pracer, poder e diñeiro”; vemos como a autora salienta isto en varias ocasións reforzando a idea do corpo como unha ‘arma’ para organizar a vida política, social... Un poder superior como se remarca: “Eu collo estas nenas e instáloas no seu poder, que reside xusto no lugar que lle dá orixe á orixe do mundo. A alma é isto. Non é outra cousa”. Algúns dos outros temas que están a mergullar no relato son a relixión e a morte, vista desde diferentes perspectivas e personaxes. Sobrevoando todos estes temas sempre temos unha corrente reflexiva que discorre a través do sucio ar de Putown; levándonos por sendeiros descoñecidos, por algúns dos cales, quizais, non vexamos o final por máis que erguemos a mirada.

'A boca da sombra’, de Emma Pedreira, Aira editorial, Allariz, 2024

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta