Temas: FRASEOLOXíA

“Facer as beiras # as veces # as voltas”, equivalentes, entre outras, á castelá “tirar los tejos”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 06/01/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

É case lei de vida, e dáse en practicamente todas as civilizacións, que unha persoa trate de namorar a outra co fin de que a relación entre ambas pase a ser máis estreita e íntima, de parella. Esa acción de cortexar, como non podía ser doutro xeito, acaba materializándose lingüisticamente, tanto que sexa nun nivel léxico coma nun nivel fraseolóxico.

Bico de amor
Bico de amor | Fonte: Yotube.com

Vexamos algunhas das posibilidades lingüísticas, nomeadamente fraseolóxicas, que nos ofrece a nosa lingua para dar conta dese proceso de cortexo.

Tirarle los tejos a alguien

{= 1. Intentar namorar unha persoa, ou cortexala, a fin de poder establecer unha relación máis íntima de parella. 2. Por extensión, intentar seducir a alguén para manter simplemente algún tipo de relación sexual.}

Facerlle as beiras

Facerlle as veces

Facerlle as voltas

Facerlle a roda

[E MAIS]:

Facerlle (as) ñáñaras

Facerlle xara

Ex.: Se pasó más de medio año tirándole los tejos a su actual esposa y aguantando una negativa tras otra, pero en este caso hay que reconocer que quien la siguió la consiguió.

Botou máis de medio ano facéndolle as beiras facéndolle as veces facéndolle as voltas facéndolle a roda facéndolle (as) ñáñaras facéndolle xara á súa actual muller e aguantando unha negativa tras doutra, pero neste caso hai que recoñecer que quen turrou ganou.

● Tamén, posiblemente asociadas, cando menos connotativamente, a unha linguaxe máis tradicional ou menos moderna:

Hacerle la corte && Hacerle el amor

Facerlle a corte && Facerlle o amor

Ex.: Botou máis de medio ano facéndolle a corte facéndolle o amor á súa actual muller e aguantando unha negativa tras doutra, pero neste caso hai que recoñecer que quen turrou ganou.

● Tamén:

Tirarle los tejos && [E MAIS, POSIBLEMENTE ASOCIADAS A UN REXISTRO MÁIS COLOQUIAL E POPULAR]: Tirarle los trastos && Tirarle la caña

Andarlle á ronza && Atarlle a baraza && Torcerlle a baraza && [E MAIS, POSIBLEMENTE POR INFLUENCIA DO CASTELÁN]: Tirarlle a cana

Ex.: Botou máis de medio ano andándolle á ronza atándolle a baraza torcéndolle a baraza á súa actual muller e aguantando unha negativa tras doutra, pero neste caso hai que recoñecer que quen turrou ganou.

● E mais tamén (véxase a nota número 2):

Facerlle a rosca && Facerlle a rosca do galo

NOTAS:

1. Obsérvese como varias das secuencias fraseolóxicas galegas dan a entender o feito de que o home (no mundo tradicional era xeralmente o home quen tomaba a iniciativa) andaba, por así dicilo, ó redor da muller á que lle interesaba requirir de amores: facerlle as beiras # as voltas # a roda # a rosca do galo (tal e como fai o galo dando voltas darredor da galiña).

2. Nótese tamén que algunhas destas expresións (facer as beiras, facer a rosca e mais facer a rosca do galo), ou expresións moi semellantes entre si (facer a ronza e mais andarlle á ronza), son usadas tanto para dar conta de que alguén adula intereseiramente coa intención de tirar algún beneficio en troco (ou sexa, para dar conta de que alguén hace la pelota) coma para requirir de amores a alguén.

3. Repárese, así mesmo, en que a maioría destes fraseoloxismos leva implícita a connotación –e incluso diriamos que directamente o contido nos máis dos casos– de que nos achamos ante un proceso que se desenvolve ó longo de certo tempo e que, polo tanto, implica insistencia e reiteración por parte do suxeito axente (dito doutro modo: non se trata dun intento de chegar e encher, senón de algo que require certa continuidade no tempo).

E isto lévanos ó feito de que para dar conta dalgunha tentativa puntual co fin de ter un enredo con alguén ou de obter os favores de alguén nunha relación que, ó menos en principio, non se pretende que vaia máis aló do meramente físico e sexual, parece (facemos fincapé no de “parece”) que, cando menos para o galego, o máis usual é recorrer a outro tipo de opcións lingüísticas (sen prexuízo de que tamén se poida botar man das secuencias fraseolóxicas anteriormente reflectidas):

Tirarle los tejos && [E TAMÉN, POSIBLEMENTE ASOCIADAS A UN REXISTRO MÁIS COLOQUIAL E POPULAR]: Tirarle los trastos && Tirarle la caña && Echarle ficha

[ASOCIADAS A UN REXISTRO COLOQUIAL E POPULAR, E IMPORTADAS DO CASTELÁN]: Tirarlle a cana && Botarlle ficha

E INDA TAMÉN, NESE MESMO REXISTRO, PERO COMO OPCIÓNS NON FRASEOLÓXICAS: Entrarle a alguien && Ligar a alguien && Ligar con alguien

Entrarlle && Atacarlle && Mocear con alguén && [E MESMO, COMO VOCES DE RECENTE INGRESO IMPORTADAS DO CASTELÁN (non recoñecidas, cando menos a día de hoxe, no DRAG): Ligar a alguén && Ligar con alguén

Ex.: Por mucho que mires para ella, si no te acercas y no le tiras los tejos y no le tiras la caña y no le entras, no vas a conseguir nada de nada, tío.

Por moito que mires para ela, se non te lle achegas e non lle tiras a cana e non lle botas ficha e non lle entras e non lle atacas e non tentas mocear con ela e non tentas ligar con ela, non vas conseguir nada de nada, meu.

3. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- García García, Nuria: “Breve achega á fraseoloxía do Couto de Oíns (Arzúa)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 24, 2022, páxs. 167-183. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: Así falan os galegos. Fraseoloxía da lingua galega. Galinova, 1995.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta