Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 12/01/2025 | Actualizada ás 12:00
Naquelas ocasións en que vemos que unha persoa está a abrir a boca ou bocexar, en castelán pódeselle aplicar –entre outros, e normalmente coa intención de se meter a xeito de brincadeira coa persoa que bocexa– o fraseoloxismo, hoxe en día pouco usado, de bostezo luengo, hambre o sueño.
En galego contamos con diversas secuencias expresivas aplicables nesa mesma situación:
Bostezo luengo, hambre o sueño
Bostezo luengo, hambre o sueño o ruindad del dueño
Bostezo luengo, hambre o sueño o ruindad que tiene en el cuerpo su dueño
{= Secuencias expresivas que se lle aplican, normalmente con intención lúdica ou a xeito de brincadeira para se meter con el, a alguén que está a –ou que acaba de– abrir a boca ou bocexar.}
Fame, sono ou defecto do dono && Ou fame ou sono ou defecto do dono
Fame, sono ou chata do dono && Ou fame ou sono ou chata do dono
Fame, sono ou ruindade do (seu) dono && Ou fame ou sono ou ruindade do (seu) dono
[E MAIS]:
Boca que se abre, ou fame ou sono ou ruindade do dono
Quen abre moito a boca, sinal de fame, de sono ou de ruindade do dono
Ex.: ¿Bostezas, niño? Pues ya sabes lo que dicen: bostezo luengo, hambre o sueño.
¿Ábreseche a boca, meniño? Pois xa sabes o que din: fame, sono ou defecto do dono ‡ ou fame ou sono ou chata do dono ‡ fame, sono ou ruindade do seu dono.
● Tamén:
Fame, sono ou maña do dono && Ou fame ou sono ou maña do dono
● E mais tamén:
El bostezo es hambre, o sueño o gana de ver al dueño
O bocexo é fame, sono ou maña do dono
● E inda tamén, máis ben asociada a un rexistro máis coloquial, ou mesmo vulgar:
Fame, sono ou gana de cono && Ou fame ou sono ou gana de cono
● E incluso tamén:
Boca que se abre, o ella quiere dormir o está muerta de hambre && Boca que bosteza, estómago que hambrea && Boca que mucho se abre, o por sueño o por hambre && Cuando mucho la boca se abre, o sueño o hambre
Boca que se abre, ou quere durmir ou está morta de fame
● E soamente gardando relación, na medida en que funciona asemade como pequena reprensión e aviso cara ó futuro de que non se debe bocexar en público:
Eu tiña un can que tiña fame e despois tiña sono
Ex. (tirado da propia fonte –“Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de unidades fraseolóxicas”, de Salvador Castro Otero e outros– da que foi recolleita a secuencia expresiva): Eu tiña un can que tiña fame e despois tiña sono. Cantas veces che teño dito que hai que pór a man diante da boca!
NOTA:
As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Castro Otero, Salvador et alii: “Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de unidades fraseolóxicas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 273-286. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- OUVIDO ALGURES: Conta de Instagram.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.