Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2025 | Actualizada ás 13:57
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou este venres, a preguntas dos xornalistas, a postura do Goberno que dirixe Pedro Sánchez en relación á situación de Venezuela, ao considerar que A Moncloa adopta unha actitude "como mínimo de porse de perfil". Así o trasladou coincidindo coa cerimonia en Caracas de xuramento do líder do chavismo, Nicolás Maduro, como presidente de Venezuela para o período 2025-2031, pola Asemblea Nacional, a pesar de que a oposición reivindica que Edmundo González Urrutia gañou os comicios de xullo pasado.
Rueda destacou que, "fronte ás ameazas reais e as situacións que viven os venezolanos", fronte ao que "contan as persoas que viven en Galicia, que din que se senten ben aquí, pero que quererían vivir en Venezuela", non é suficiente con adoptar dita actitude. Neste sentido, manifestou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "ao que tanto lle gusta falar de defender a democracia", ten "unha perfecta ocasión" para "dar a cara e facelo". "Creo que moitísima xente lle aplaudiría", manifestou. Así mesmo, dixo "non entender" como mesmo "aquí, en Galicia, hai partidos que defenden o réxime actual de Venezuela" e, tras expresar a súa incomprensión, instou a estes partidos a pasar unha tempada no país suramericano. "Que pasen unha tempada alí e que digan se iso é mellor que o que temos en España e en Galicia", retou.
PPDEG
Tamén o PP de Galicia cualificou de "lamentable" a postura do BNG e o PSdeG ante a situación política que atravesa Venezuela e na que aprecian a uns nacionalistas que "apostan abertamente polos ideais dun ditador como (Nicolás) Maduro" e a uns socialistas "que fai seguidismo" do Goberno central, "distante" e "desaparecido neste conflito". Nembargantes, os populares non se pronuncian sobre as masacres diarias que teñen lugar en Gaza ou sobre a ocupación rusa de Ucrania. Nunha rolda de prensa celebrada este venres na Cámara autonómica, o portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos Couñago, manifestou a solidariedade do seu partido con "a inmensa maioría" do país latinoamericano que "está grintado liberdade, que se respecte o que decidiron as urnas e que lle devolvan o país que lle roubaron".
Tras manifestar o seu respaldo ao candidato opositor Edmundo González e a María Corina Machado, Pazos demandou a implicación do Goberno central ante a "situación incerta" do xornalista fillo de galegos Carlos Correa e que interceda para lograr a súa "liberación" e a do resto de "presos que os son exclusivamente por non ser afíns ao réxime ditatorial que goberna na actualidade Venezuela". Así, o portavoz popular cargou contra a postura dos partidos da oposición en Galicia ante a situación en Venezuela, pois ve ao BNG cunha "aposta aberta polos ideais dun ditador", en alusión a Maduro, e ao PSdeG que fan "seguidismo dun Goberno central distante e desaparecido".
A FAMILIA DE CARLOS CORREA ESIXE A SÚA "INMEDIATA LIBERACIÓN"
A muller do galego Carlos Correa, que foi detido en Venezuela este martes, solicitou o 'habeas corpus' e, xunto ao resto da familia, esixiu a súa "inmediata liberación". Os feitos sucederon o martes en Caracas sobre a 17.00 hora local cando Correa saía do seu traballo e "foi abordado por varias persoas encapuchadas". Así o explicou a Europa Press a filla de Rosario Correa, Carmiña Fontán Correa, unha das irmás de Carlos Correa, que vive en Caldas de Reis e incidiu en que están en contacto coa muller do galego desaparecido.
As últimas noticias de Correa, detallou, foron que na xornada do xoves a súa muller, Mabel Calderín, puido entregar a medicación para que lla fixesen chegar, pero "non lle dixeron onde está". Ademais, a súa muller solicitou, no mediodía do xoves, o 'habeas corpus', pero chegoulle a resposta de que foi recibido "horas máis tarde". A familia está á espera dos "últimos acontecementos" e espera ter noticias "pronto". Pola súa banda, a Unión Europea tamén instou o xoves ás autoridades de Venezuela a pór en liberdade de maneira inmediata a Rafael Tudares, xenro do líder opositor Edmundo González, así como a outros dirixentes opositores detidos nas últimas horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.