Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 09/01/2025 | Actualizada ás 22:16
Varias decenas de persoas mobilizáronse en Ourense, ata onde se desprazaron tamén os líderes de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, José Ramáon Gómez Besteiro, para apoiar á plataforma ProCAPD na súa petición de "xestión pública" para o centro de atención a persoas con discapacidade da Xunta.
Desde a propia plataforma a portavoz, Eva Gutiérrez, insistiu na necesidade de que o centro sexa "público e de xestión pública e directa por parte da Xunta de Galicia", lembrando que "é un compromiso que foi adquirido polo Partido Popular e o resto de grupos desde o 2016".
"Non imos aceptar o que queren facer, que é adxudicalo a unha empresa por case 14 millóns de euros en tres anos", apuntou Gutiérrez, antes de advertir que Ourense "non pode estar discriminada" con respecto ao resto de provincias galegas que si teñen un centro destas características, xestionado directamente pola Xunta.
Para a portavoz da plataforma "é unha débeda" coa provincia que debe ser resolta e outro tipo de modelo de xestión "sería unha forma de dicir que a discapacidade se pode delegar". "Pero nós, as familias, dicimos que non. Unha democracia seria ten que asumir a súa responsabilidade cos colectivos vulnerables e un deles é o da discapacidade", remarcou.
Fíxoo acompañada do líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, que tamén reclamou á Xunta "que cumpra co seu compromiso de garantir unha xestión 100% pública" do centro de atención a persoas con discapacidade de Ourense, tras manter un encontro coa directiva da plataforma e antes de participar na concentración convocada diante da sede da Xunta na provincia.
O responsable socialista denunciou os "malos tratos" ás persoas con discapacidade da provincia, que ven obrigadas a desprazarse máis de 100 quilómetros para ser atendidas nun centro público. "Non é un luxo, é un dereito básico para garantirlles unha vida digna ás persoas con discapacidade e ás súas familias", apuntou Besteiro reclamando que a Xunta "poña fin a unha situación insustentable" e garanta unha atención pública de calidade "a todos os galegos e galegas independentemente de onde veñan".
PONTÓN ACUSA Á XUNTA DE "ANTEPOR O NEGOCIO AOS COIDADOS"
Na mesma liña manifestouse a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, tamén tras manter unha reunión coa plataforma ProCAPD.
Pontón reiterou que as provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo teñen este servizo desde hai tempo e non externalizado e acusou ao Executivo que dirixe Alfonso Rueda de "antepor o negocio aos coidados" e ao benestar das persoas; o que definiu como "unha crueldade que non se pode permitir nin tolerar".
Así, avanzou que o BNG levará este asunto ao Parlamento co fin de que as familias ourensás teñan o centro de atención a persoas con discapacidade público e de xestión pública "porque as persoas con discapacidade e os dereitos non son un negocio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.