Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 10/01/2025 | Actualizada ás 18:31
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lanzou unha mensaxe de "tranquilidade" ás familias da plataforma ProCAPD, respecto da súa petición de xestión pública directa para o centro de atención ás persoas con discapacidade da Xunta de Galicia, aínda que ratificou que a xestión será levada a cabo por unha entidade sen ánimo de lucro. Tras a protesta que tivo lugar na pasada xornada, a preguntas dos medios en Ourense, o presidente autonómico mandou unha mensaxe de "tranquilidade". "Falamos dun centro público, construído pola Xunta de Galicia e que terá uns criterios de admisión a través de listas públicas, así como uns prezos públicos", dixo, antes de engadir que atenderá "ao redor de 110 persoas", convencido de que "vai ser un servizo moi importante para Ourense".
Neste sentido, expuxo que a licitación será a través dunha entidade social sen ánimo de lucro, sistema que lembrou xa se está utilizando na Xunta de Galicia nas residencias da Fundación Amancio Ortega "ou nun centro similar ao de Ourense que se vai a abrir en Ferrol". "Creo que o importante é a garantía de que estamos a falar dun centro público que vai ser xestionado con eses criterios que acabo de dicir. Por tanto, tranquilidade absoluta", pediu Rueda, lamentando que "sempre hai intereses políticos que, ás veces, pouco teñen que ver co que se está falando de verdade".
Así, criticou as opinións vertidas na pasada xornada polo líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aos que afeou que, "se por algo se caracterizan moitas veces, é por falar sen ter ningún tipo de información". "Non me sorprenderon en absoluto, pero van en sentido contrario ao que é a realidade", apostilou. Rueda insistiu en que a prestación por este sistema de xestión de entidade social sen ánimo de lucro "con experiencia e con capacidade" será por concurso. "A que o gañe terá que cumprir con eses criterios e o que imos pedir é un nivel que canto máis se achegue á excelencia mellor. Esa é a decisión que quero transmitir", advertiu.
PRAZOS DE APERTURA: ENTRE MARZO E MAIO
Así as cousas, manifestou que o sistema de xestión elixido responde á necesidade de ofrecer un servizo de "alta calidade" ás familias. "O que lles interesa é que empece a funcionar canto antes despois de tantos anos de espera. Ese funcionamento promovido pola administración pública, a Xunta de Galicia, con prezos públicos, listas públicas, ese tipo de matices fronte á necesidade de que funcione canto antes e funcione ben creo que non teñen tanta importancia", dixo. "Estou seguro de que prefiren que funcione así a que se siga producindo a situación que se produciu durante todos estes anos", valorou o presidente autonómico, en referencia aos desprazamentos das familias a outras provincias con estes centros públicos. En canto a prazos, indicou que a apertura do centro está prevista para entre marzo e maio deste mesmo ano, coa esperanza de que poida ser en abril.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.