Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2025 | Actualizada ás 18:25
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, incidiu en que o PSdeG non debe "mirar tanto cara adentro" e considera que a continuidade á fronte do partido do actual secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, representa "a candidatura da esperanza". En declaracións aos medios este venres na Coruña, o predecesor de Besteiro no cargo incidiu en que ten "confianza absoluta" na "capacidade" do actual líder dos socialistas galegos, "que aínda está a comezar a despegar", á vez que apelou a articular un PSdeG "unido, forte" e "moi vinculado á sociedade".
Por tanto, cre que o Congreso que o partido celebrará o 8 e 9 de marzo debe ser unha cita de "contido" e "non da imaxe ou de consignas" para que "calquera galego" poida coñecer a postura da organizacion "sobre os temas de país". En canto á posibilidade de que concorran outras candidaturas a maiores da de Besteiro e cuestionado polos xornalistas especificamente polo tamén exsecretario xeral, Gonzalo Caballero, Formoso resaltou que "cada un ten dereito a facer o que considere oportuno" e que, despois, "a militancia decidirá".
Con todo, enxalzou o rumbo do partido, que cre que "se está reforzando en todos os territorios" e goza de "coordinación" coa dirección do partido en Ferraz, polo que avogou por deixar de "mirar tanto cara adentro" da organización e empezar a "mirar moito máis para fóra". "Por iso eu creo que debe ser o Congreso da unidade e non das consignas, coma se non pasase nada no exterior", incidiu ao considerar que existe un "momento moi duro, moi díficil", no que "a ultradereita e as políticas de dereita duras están a aumentar".
GONZALO CABALLERO
Tras estas declaracións, Gonzalo Caballero publicou unha mensaxe na rede social 'X' para criticar o apoio de Formoso a Besteiro. "Formoso apoia a Besteiro e atrévese a dicir que debe facer o PSdeG. Pero se entre ambos leváronnos ao desastre histórico e a catro trompazos! Se o PSdeG quere avanzar debe retirar de primeira liña a Formoso e Besteiro e facer o contrario ao que fixeron e din", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.