Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2025 | Actualizada ás 11:08
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que o uso do galego queda "excluído" do proxecto de lei de Intelixencia Artificial (IA) no que traballa a Xunta ao non contemplar "en ningún momento" a posibilidade de que esta ferramenta use este idioma.
Nun comunicado, a entidade asegura que o proxecto de lei presentado polo Goberno ao Parlamento galego establece un marco para o deseño, adquisición e uso da intelixencia artificial na administración galega e regula o réxime xurídico para o seu uso e para as súas relacións coa cidadanía, empresas e entidades e outras administracións. Faino, critica A Mesa, "sen ter en conta a existencia da lingua galega nin a posibilidade de que os sistemas de Intelixencia Artificial a usen na interacción entre a administración e a cidadanía".
A pesar de sinalar que se respectarán todos os dereitos recoñecidos ou atribuídos á cidadanía, A Mesa lamentou que ningún dos dereitos que se enumeran no proxecto garda relación co dereito ao uso da lingua propia ou coa garantía de leste, facilitando a súa presenza e disposición nos sistemas de IA. Deste xeito, A Mesa considera que a propia Xunta desincentiva a posibilidade de que nun futuro inmediato programas como Siri, Alexa ou de IA para o uso administrativo poidan ser empregados totalmente en galego.
Ademais, a entidade que preside Marcos Maceira ve "rechamante" que, ene l actual contexto de "emerxencia lingüística extrema", a Xunta "nin sequera contemple actuar dentro do que o proxecto de lei denomina medidas para o impulso da IA en Galicia", onde si se introducen incentivos fiscais e investimento público, pero sen previsión de retorno no aspecto lingüístico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.