Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2020 | Actualizada ás 15:45
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, aplaudiu este mércores a decisión do Goberno central de anular as regras fiscais para liberar a utilización dos remanentes municipais, aínda que considerou que é unha decisión que chega tarde: "Lamento o tempo que se perdeu, pero benvido sexa".
En resposta a preguntas dos medios, Rueda criticou a postura mantida durante os últimos meses polo Goberno central e pediu á ministra de Facenda, María Jesús Montero, que "se poña de acordo consigo mesma".
"Todas as propostas que se foron facendo e fracasando, algunhas delas estrepitosamente, sempre se dicía desde o Goberno central que eran ou o tomas ou o deixas, que non había alternativa. E cando foron fracasando nesas propostas, resulta que si había unha alternativa", dixo Alfonso Rueda.
AFORRO DOS VECIÑOS
Fronte ao bloqueo dos remanentes municipais, lembrou o vicepresidente galego, "o conxunto dos concellos" mantivo unha "proposta clara": "o aforro dos veciños é fundamental que se poida gastar", máis se cabe nunha situación "na que é urxente facer investimentos". "Están a pedir que se liberen eses aforros que son dos veciños e que se poidan gastar nos veciños", lembrou Rueda, que subliñou como, con anterioridade, o Goberno "dicía que non podía ser porque había unha serie de normativas en vigor".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.