Ménage à trois nas cloacas do Barbaña

«Há coisas da seriedade da vida que podemos aprender com charlatães e bandidos, há filosofias que nos ministram os estúpidos, há lições de firmeza e de lei que vêm no acaso e nos que são do acaso. Tudo está em tudo.» (Libro do Desassossego, Fernando Pessoa).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 01/10/2020

Comparte esta noticia
Ao meu tío non lle chista moito esa irreverente teimosía, propia de lavercos presuntuosos ou dos campións das ocorrencias, aos que constantemente lle proe no caletre unha sorte de insolencia dogmática, que lles fai responsabilizar á sufrida veciñanza da febre tifoide que infesta a política na capital da provincia, ata o punto de culpala de votar a quen non debe, cando non opta pola papeleta que a eles lle gustaría que escollesen. É certo, moitos cidadáns votaron a Jácome –si, a Jácome; e non a esa andrómena denominada DO− en boa medida imbuídos polas súas demagoxias baratas, mais tamén mercé á desafección e desconfianza cara os partidos clásicos, e á percepción da incapacidade evidente e incompetencia demostrada dos xefes que, a miúdo, se autoproclaman candidatos.
 
A agarradoira apegadiza ao cargo, do estrambótico alcalde que padecemos, non mingua en absoluto a actitude esperpéntica dos edís díscolos que, por estrita decisión do amo, participaron na candidatura de DO a sabendas das reviradas –e posibelmente ilegais− regras de xogo que, tarde mal e nunca e non de motu propio, decidiron sacar agora á palestra. Amais, nesta gurra tan grotesca o meu tío non é capaz de distinguir os bos dos malos, só os infaustos dos nefastos.   
Mais, se a actitude dos “jacominos” e a dos “posjacominos” nos produce urticaria e nos inxecta unha alongada repugnancia, a falta de decoro político dos outros grupos maioritarios –PP e PSOE− non deixa de ser preocupante, ora por permitirlle ao tal ocupar a alcaldía, ora por seren incapaces de usar a aritmética e a política para desposuílo do bastón de mando e, polo mesmo prezo, deixar fóra do xogo aos tránsfugas. 
 
[O meu tío Lisardo está moi preocupado porque a única cobiza que se lle apalpa aos representantes públicos municipais é a de fretar as nádegas contra as cadeiras edilicias da Praza Maior. Mais tamén, polo tedio que lle causa o espurio ménage à trois que practican nas atoldadas cloacas do Barbaña PP, PSOE e exDO, gozando ata a saciedade, malia poñerse sistematicamente uns de cu cara os outros; pola estulticia de  Jácome, créndose o rei do mambo; pola ansia lasciva de C´s, á espreita de lapar algo; pola pose queixosa do BNG, empeñado en reclamar o dereito a dar tabaco. E, por ese silencio abúlico e outonizo do respectable público que, amais de pagar os preservativos, fica literalmente fodido no sentido máis revirado da palabra]. 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.