Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/10/2020 | Actualizada ás 18:08
A Policía Nacional detivo no concello de Cee (A Coruña) o líder de líder dunha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas desarticulada en Turquía en 2006. Segundo informa a Policía, este "perigoso" delincuente estaba reclamado pola Interpol e a operación saldouse coa súa detención "tras varios meses de investigación".
A oficina de Interpol en Istambul emitiu unha orde internacional de detención do home. A organización que lideraba foi desarticulada no 2006, o que provocou ataques armados entre organizacións.
Así, tívose coñecemento de que o home podía atoparse na provincia da Coruña e foi detido en Cee o pasado 30 de setembro. Tras o seu pase a disposición xudicial decretouse o seu ingreso en prisión.
Dado o "perigo" do home, o operativo levouse a cabo coa colaboración do Grupo de Operacións Especiais (GOES) da Xefatura Superior de Policía de Galicia.
A investigación foi realizada polo Grupo de Delincuencia Organizada e Violenta, UDEV, da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.