Un libro con 70 documentos e fotografías recolle os "momentos inesquecibles" de Lorca en Compostela

Henrique Alvarellos é o autor desta obra na que se relatan feitos "descoñecidos" até agora.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/10/2020 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

Henrique Alvarellos (Lugo, 1968) presenta este sábado (20,00 horas, Hotel Compostela) na capital de Galicia o seu libro 'Federico García Lorca en Santiago de Compostela', no que recolle os "momentos inesquecibles" do poeta granadino durante o seu paso pola cidade.

A obra é un volume ilustrado con máis de 70 documentos e fotografías do paso de Lorca por Compostela, que recolle anécdotas e testemuños, "moitos deles descoñecidos".

Con 18 anos, en 1916, Lorca descobre a cidade nunha viaxe de estudos por Galicia. "Isto hipnotízame", escribiu por aquel entón. Despois regresou tres veces máis a Santiago, todas en 1932 como conferenciante, poeta e director da Barraca.

Alí, foi arroupado e agasallado con admiración por toda unha xeración de estudantes e intelectuais con ansias de "cultura, galeguismo e liberdade" durante a Segunda República.

No libro escrito por Alvarellos apúntase que Lorca deu a coñecer en Santiago algúns dos versos inéditos de 'Poeta en Nova York', á vez que debuxa, canta e toca o piano no Hotel Compostela. Ademais de ser retratado por Carlos Maside e Luís Seoane, do seu paso por Compostela sairá á luz 'Seis poemas galegos'.

Así mesmo, este libro conta co trazado da primeira ruta lorquiana pola cidade con 14 lugares imprescindibles.

Portada do libro 'Federico García Lorca en Santiago de Compostela'. ALVARELLOS
Portada do libro 'Federico García Lorca en Santiago de Compostela'. ALVARELLOS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta