A auga, un elemento vital para loitar contra a covid

Lavarse correctamente as mans converteuse nunha práctica básica para evitar contaxios por coronavirus. Recentes estudos din que reduce o contaxio nun 36%.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/10/2020 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Este 15 de outubro, é o Día Mundial do Lavado de Mans, instituído por Nacións Unidas en 2008. Esta conmemoración serve para lembrar que, neste ano excepcional, máis que nunca, a auga é un ben básico para a saúde pública e o mellor aliado na loita contra o coronavirus e contra numerosas enfermidades que se preveñen cunha boa hixiene de mans. Por ese e outros motivos a subministración de auga e o saneamento foron declarados servizos esenciais durante o confinamento.  

Billa de auga
Billa de auga | Fonte: EP

Lavarse frecuentemente as mans, de forma  meticulosa e durante polo menos 20 segundos, é unha recomendación sanitaria para toda a poboación. Un ritual cotián que ata os máis pequenos da casa interiorizaron e incorporaron sen problemas aos seus hábitos diarios. Neste sentido, é imprescindible asegurar un uso racional da auga no fogar, evitando malgastes. Segundo un estudo citado por UNICEF, lavarse as mans con xabón con regularidade pode reducir a probabilidade de infección por Covid-19 nun 36%

 

A auga é unha ferramenta vital para fortalecer os sistemas de saúde e para crear  resiliencia a longo prazo. A pandemia deixou en evidencia que as comunidades con menor acceso a servizos básicos como a auga potable son as máis vulnerables fronte as crises sanitarias. Ademais, o cambio climático agravará a situación porque, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2025, é dicir en só cinco anos, máis do 60% da poboación mundial vivirá en zonas con estrés hídrico.

ACCESO UNIVERSAL Á AUGA

Precisamente, a empresa Viaqua integrou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) na súa estratexia e plan de acción para lograr a erradicación da pobreza extrema e garantir o acceso universal á auga e ao saneamento de calidade. 

"A concesionaria é un referente polo seu compromiso de preservar a subministración a todos os fogares, mediante medidas sociais de protección ás familias vulnerables, ofrecendo un abanico de axudas (tarifas e bonificacións sociais, flexibilidade nos pagos, entre outras) a colectivos ou fogares en situación de pobreza ou exclusión social", apunta nun comunicado.

Ademais,  destaca que impulsou varios proxectos en colaboración con entidades sociais para facer fronte aos efectos da pandemia. Entre outros, con Cruz Vermella Responde para atender a persoas en situación de vulnerabilidade debido á crise sanitaria. Neste sentido lembra que "salvagardar a subministración de auga, garantindo a mesma calidade sanitaria habitual, foi a prioridade de Viaqua tamén desde o inicio desta crise grazas á vocación de servizo dos seus traballadores e traballadoras".

De feito, algúns traballadores confináronse en instalacións estratéxicas (plantas de potabilización) para asegurar o seu funcionamento. Instaláronse en autocaravanas de uso individual para minimizar o risco de contaxio, permitindo así que a poboación puidese seguir abrindo as billas dos seus fogares para, entre outras cousas, lavarse ben as mans. Unha vocación e unha práctica que salva vidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta