Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/10/2020 | Actualizada ás 12:22
A nova tecnoloxía máis utilizada polas empresas galegas no primeiro trimestre de 2020, como no conxunto estatal, é a 'internet das cousas', segundo a enquisa sobre o uso de TIC e do comercio electrónico nas empresas que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística.
De acordo cos datos desta enquisa, un 16,7% das empresas da comunidade preguntadas (de 10 ou máis empregados) utilizan a 'internet das cousas', case como a media (16,8%). O uso é maior que a media en Galicia tanto nos robots industriais ou de servizos, usados por un 9,1% de empresas galegas e un 8,9% pola media; como na análise de grandes fontes de datos (Big Data), por un 9,2% na comunidade galega e un 8,5% pola media.
Por sectores, a nova tecnoloxía máis utilizada na industria son os robots (o 19,3% das empresas deste sector úsanos). En construción e servizos predomina a internet das cousas, co 11,8% e 18,4% das empresas, respectivamente. En Galicia, un 80,9% do total de empresas con conexión a internet utilizan a rede e teñen web, un 84,8% fan uso dos medios sociais e un 60,9%, os servizos na nube.
POR COMUNIDADES
As empresas de 10 ou máis empregados cuxas sedes sociais están situadas en Comunidade de Madrid, Cataluña e Comunidade Foral de Navarra presentan as maiores intensidades no uso do TIC no primeiro trimestre de 2020. Pola súa banda, as empresas da cidade autónoma de Melilla e das comunidades autónomas de Canarias e Andalucía teñen as menores porcentaxes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.