Por Galicia Confidencial | Camariñas | 25/10/2020 | Actualizada ás 22:00
O Camiño dos Faros está en perigo. E este perigo non chega por falla de turismo, condicións metereolóxicas ou implicación da veciñanza. Chega pola falta de implicación das administracións. A Asociación Camiño dos Faros, coñecida popularmente como trasn@s, anunciaba hai uns días que, logo de oito anos de duro traballo, marcando, sinalizando, limpando e divulgando este camiño, deixará de realizar esta función farta de que non haxa unha homologación oficial deste camiño e cansada porque non haxa implicación das administracións, principalmente, da Deputación da Coruña --gobernada polo PSdeG e o BNG-- e da Xunta --PPdeG--.
Pero, que vai supor isto para o turismo da Costa da Morte nun momento, ademais, de grave recesión económica pola Covid-19?. Travels to Finisterre, a axencia “oficial” do Camiño do Faros (isto é, a entidade que xestiona as reservas que chegan dende a Asociación, das cales unha parte repercute na propia Asociación “para contribuír á súa impagable traballo no desenvolvemento, promoción e o seu frustrado intento de homologación da ruta”), vén de facer un informe do impacto económico que ten nesta comarca.
Un impacto que, tal e como publica QPC, vai moito máis alá das cifras, pois o Camiño dos Faros convertiuse no motor turístico para zona entre Malpica e Camariñas, concellos polos que non pasa o Camiño de Santiago, aínda que chegue a Fisterra. Un motor sostible, seguro, moi ben valorado a nivel internacional, e con gran potencial de crecemento nos vindeiros anos.
1,5 MILLÓNS, SÓ NAS AXENCIAS
A Axencia deixa claro que o seu volume de negocio “representa só unha pequena parte do que realmente xera O Camiño dos Faros”, pois ás cifras que aporta habería que sumarlle o que se deixan nos bares, restaurantes, bares e pequeno comercio, e as dos camiñantes que veñen por libre.
Con estas premisas, asegura que o Camiño ten xerado nos últimos 4 anos arredor do 1.500.000 €/ano de volume de negocio de xeito directo (contando todas as axencias que traballan o produto), tendo en conta que as entidades traballa de xeito directo con hoteis, taxistas, empresas de autobuses e empresas de transporte de mochilas nos paquetes que comercializan. En canto á visitantes, só a Axencia ten “movido 2.000 persoas nestes 4 anos”.
”A lectura dos datos aquí presentados só deixa unha conclusión posible, un grupo de persoas, por iniciativa propia, conseguiron crear un produto turístico da nada e levaron turistas a unha zona de Costa da Morte á que non chegaban e un recoñecemento de marca a nivel tanto nacional como internacional que debería de ser a envexa de calquera Axencia de Marketing encargada de xestionar as campañas institucionais, e os seus elevados orzamentos", indica no seu informe Travesl to Finisterre.
"MURO DE BUROCRACIA"
"A asociación fixo un traballo inxente de documentación, estudos, contactos, reunións, etc., co único fin de conseguir que esta ruta sexa homologada e, polo tanto, garantir a súa continuidade no tempo. E co que se atoparon é cun muro de burocracia e intereses ou desintereses políticos que fixeron que cheguemos a esta situación”, denuncia.
Por iso, pide implicación empresarial para “esixir que as administracións non deixen morrer este proxecto e se poñan ao choio xa, escapando de discusións estériles, posicións partidistas e plans grandilocuentes, o que hai que facer está clarísimo a estas alturas, pero hai que poñerse a facelo xa”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.