Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2020 | Actualizada ás 14:13
Pedro Sánchez anunciou este domingo, despois dun Consello de Ministros extraordinario, o decreto dun estado de alarma que entrará en vigor esta tarde e que, sen chegar ao confinamento total, permita un paraugas legal para os toques de queda e as restricións á mobilidade que están a aprobar as comunidades autónomas ante a segunda onda do coronavirus.
O novo decreto do estado de alarma, de feito, non se parece en case nada ao primeiro. A idea é que se poida prolongar até o 9 de maio co obxectivo de restrinxir a mobilidade, pero esta vez a xestión recaerá nas comunidades autónomas (non como en marzo, cando o Goberno exercía como mando único). O estado de alarma, previsto no artigo 116 da Constitución, non implica, por tanto, un confinamento total. Ademais, a diferenza de en marzo, agora si que parece clara cal será a súa duración.
Así mesmo, establece un toque de queda desde as 23.00 horas ata o seis da madrugada, aínda que pode ser modulado polas autonomías, adiantando ás 22.00 horas e retrasandalo ata as doce da noite. Tamén o poden modificar para que finalice ás cinco ou ás sete da madrugada.
O estado de alarma fora pedido nas últimas horas polas comunidades autónomas do País Vasco, Cataluña, Cantabria, así como a maioría de gobernos rexionais do PSOE. Pola contra, ningunha das autonomías gobernadas polo PP solicitaron esa medida.
A XUNTA, EN CONTRA
A Xunta, a través do seu vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, remarcou a súa oposición á declaración do estado de alarma pois consideran que "unha lexislación nacional" evitaría ter que tomar unha "determinación tan drástica" como a adopción deste mecanismo constitucional que permite a restrición de dereitos fundamentais.
Nunha entrevista na Radio Galega, lembrou que Galicia enviou a súa proposta normativa que, segundo Rueda, o Goberno central presidido por Pedro Sánchez non ofreceu resposta. "Parece que non lle fixo moito caso", dixo antes de subliñar que esta norma xeral evitaría "incertezas" e a disparidade de criterios a nivel xurídico que se produciron nas últimas semanas coas medidas adoptadas en distintos gobernos rexionais.
Con todo, a Xunta podería enviar esta lei ao PP para que sexa este partido quen presente esta norma no Congreso, pero, polo momento, négase a facelo. Tamén Feijóo se opón ao estado de alarma polo "custe reputacional" que terá para España.
RESERVAS
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que España conta cunha reserva estratéxica sanitaria con preto de 600 millóns de máscaras e uns dous millóns de test antíxenos, e pediu aos cidadáns que se descarguen no seu móbil a aplicación Radar Covid.
"O noso país conta coas capacidades necesarias para facer fronte a esta segunda onda. Temos provisións, recursos materiais e acumulamos unha experiencia colectiva de gran valor", manifestou este domingo Sánchez durante a súa intervención en rolda de prensa, na que decretou por segunda vez o estado de alarma en España.
En concreto, o presidente do Executivo precisou que esa reserva estratéxica conta con máis de 512 millóns de máscaras cirúrxicas e de 57,6 millóns de máscaras FFP2. Así mesmo, lembrou que o Ministerio de Sanidade mantivo un total de 182 reunións coas comunidades autónomas, coas que fixou os indicadores e criterios de respostas comúns fronte á pandemia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.