Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 02/11/2020 | Actualizada ás 14:31
A Xunta de Goberno Local de Pontevedra anunciou a construción do novo campo de fútbol de herba sintética da parroquia de Salcedo, nas inmediacións das instalacións da Brilat, tras a cesión de terreos por parte da comunidade de montes. Unha obra que terá un custe de 1,6 millóns de euros.
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, agarda que tanto a autorización de Defensa como a formalización e rúbrica do acordo de colaboración, “se poidan materializar nas vindeiras semanas”. “A pesar de que os terreos nos que se construirá o campo de fútbol estaban clasificados como rústicos e de protección forestal dende 2011, a Xunta da Mancomunidade de Montes acordou en 2019 a súa cesión ao Concello para uso deportivo, polo que era preciso que a Xunta de Goberno Local aprobase a súa recepción”, explicou o edil socialista.
No que atinxe á autorización en materia de servidumes aeronáuticas, Aesa informou recentemente ao Concello sobre a súa decisión de permitir a construción do campo de fútbol e a instalación das torres de iluminación, que terán unha altura de 24,61 metros. Segundo sinala a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, “unha vez analizada a documentación recibida” e comprobado que a construción e as instalacións proxectadas se “en terreos que están afectados polas servidumes aeronáuticas establecidas para o Aeroporto de Vigo”, os servizos técnicos de Aesa verificaron que “non vulneran ningunha das citadas servidumes”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.