O BNG presenta unha proposición para arbitrar os alugueres dos negocios con restricións de actividade

Tal e como inclúe a proposta, unha nova lei debería ter en conta a capacidade, por parte do arrendador, para asumir o pago da renda do local nas actuais circunstancias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei na que insta á Xunta a elaborar unha nova lei co obxectivo de arbitrar mecanismos para a modificación excepcional dos contratos de arrendamento de locais de negocios cuxa actividade fose limitada como consecuencia da pandemia.

Con iso, os nacionalistas queren que se "distribúan os riscos de forma solidaria e equitativa" e "axude á continuidade das actividades e ao mantemento dos postos de traballo", segundo recolle a propia iniciativa que presentou este xoves a deputada do BNG Alexandra Fernández.

Tal e como inclúe a proposta do BNG, esa lei debería ter en conta a capacidade, por parte do arrendador, para asumir o pago da renda do local nas actuais circunstancias e definirá os criterios de renda, patrimonio, beneficio ou outro que se estime oportuno, que deberá cumprir o arrendador para acollerse á modificación extraordinaria do contrato de aluguer.

Así mesmo, os nacionalistas aspiran a que esa lei estableza mecanismos que arbitren a modificación temporal, cunha redución da renda debida pola parte arrendataria na mesma proporción que a redución dos ingresos que se derivan da actividade económica no local.

Esa normativa, sinala a iniciativa, deberá ter en conta a capacidade do arrendatario para asumir a redución da renda, distinguindo entre gran propietario e pequeno mediante criterios de patrimonio, renda ou outros que se estimen oportunos. No caso de pequenos propietarios, a Xunta habilitará unha liña de axudas directas para o pago do aluguer.

A lei, segundo pide o BNG, establecerá mecanismos para a utilización das cantidades depositadas en concepto de garantía ou fianza como método de pago excepcional.

Finalmente, a iniciativa pretende tamén que esa normativa contemple mecanismos que permitan "desistir" do contrato de aluguer sen penalización, a condición de que sexa por motivos imputables á pandemia e tendo en conta a capacidade económica de asumir os riscos, tanto do inquilino como do arrendador.

"SITUACIÓN DE AFOGO"

Alexandra Fernández lamentou a "situación de afogo" do sector, cuxa resistencia "está a chegar ao seu fin" co "peche de miles de negocios, perda e destrución de miles de traballo".

"Cada día que pasan sen axudas, é un negocio que se pecha", apuntou a deputada nacionalista, quen reclamou "axudas directas e outra serie de medidas complementarias", como a arbitraxe de aluguer.

Alexandra Fernández, deputada do BNG, en rolda de prensa este xoves
Alexandra Fernández, deputada do BNG, en rolda de prensa este xoves | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta