A Xunta avala a 'fichaxe' da exconselleira Mato por Greenalia: "Non se aprecia incompatibilidade"

O BNG considérao un "descarado" caso de "porta xiratoria".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2020 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A Xunta, a través do director xeral de Función Pública, José Manuel Barreiro, avalou a 'fichaxe' da exconselleira autonómica Beatriz Mato pola empresa forestal e enerxética Greenalia, tendo en conta que na documentación presentada pola que foi titular do departamento de Medio Ambiente entre 2015 e 2018 "non se apreciou incompatibilidade" co posto a asumir.

Barreiro asegurou, en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Luís Bará durante a Comisión 6ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizo do Parlamento de Galicia, que a incorporación da exconselleira en febreiro deste ano á compañía que, entre outros servizos, xestiona parques eólicos en Galicia, non supuxo unha vulneración da normativa de incompatibilidades porque Mato non resolvera, nos dous anos previos, "ningún" expediente relacionado con Greenalia.

Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, despídese. XUNTA - Arquivo
Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, despídese. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Así, o responsable autonómico apuntou que a lei de transparencia e bo goberno determina como incompatible que un cargo gobernamental poida incorporarse a unha empresa sobre a que asinou resolucións ou informes nun período de dous anos antes de formalizar a súa incorporación á dita empresa.

Deste xeito, Barreiro asegurou que "tanto a autorización ambiental integrada como o informe de impacto ambiental" autorizado en 2017 para un proxecto promovido por Greenalia foron asinados pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e non pola propia Mato, titular, por aquel entón, do departamento no que se encadra dita dirección xeral do Executivo autonómico.

Por tanto, a Administración galega considera que a incorporación de Mato a esta empresa como responsable de Desenvolvemento Corporativo e Responsabilidade Social Corporativa non constituíu incumprimento ningún da normativa ao non resolver directamente sobre expedientes nos que estaba involucrada a compañía Greenalia.

Beatriz Mato anunciou a comezos de febreiro, mes e medio despois de abandonar a política activa, a súa 'fichaxe' por Greenalia, cargo que compatibiliza desde o mes de agosto co de conselleira da compañía de telecomunicacións Euskaltel.

PARA O BNG, "PORTA XIRATORIA"

Para o BNG, os pasos dados por Beatriz Mato desde a súa saída da política constitúen unha proba de que a Consellería de Medio Ambiente actúa como "unha axencia de colocación" nos sectores enerxético e pasteiro de Galicia que, segundo o parlamentario Luís Bará, se exemplifica nos proxectos eólicos, cos que existe unha "completa armazón que vai desde o máis alto nivel da Xunta aos concellos para favorecer" a determinadas empresas, entre as que incluíu a Greenalia.

Tras tachar de "descarado caso de porta xiratoria" a incorporación da exconselleira á empresa privada de ámbitos nos que anos atrás ocupou cargos de responsabilidade gobernamental, o deputado nacionalista puxo o acento no "espectacular crecemento" desta empresa con "numerosas concesións" nos últimos anos de explotacións eólicas que "esquivan" o control gobernamental con "a división en proxectos máis pequenos" de parques "que en realidade están xuntos" para así, segundo Bará, "non ter" que pasar a tramitación ambiental a nivel estatal e depender só dos informes da Administración autonómica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta