Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 06/11/2020 | Actualizada ás 21:00
"Caóticas, arbitraris e delirantes". Deste xeito cualificou o tenente de alcalde e edil de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, as últimas medidas adoptadas polo Goberno da Xunta no eido da actividade física e o deporte. “Como é posible que a Xunta permita que máis de 1.000 persoas se despracen por toda Galicia para xogar partidos de competición e, sen embargo, a miña nai non poida, por exemplo, ir ao cemiterio de Cotobade a visitar aos seus familiares falecidos? A quen, ademais de a Feijóo, lle pode parecer que estas viaxes non contribúen a espallar o coronavirus por toda a nosa xeografía?", denuncia.
O socialista considera “indefendible” que “nuns momentos de restricións á mobilidade, a Orde autonómica siga a permitir non só o adestramento federado, senón tamén os desprazamentos para asistir a competicións federadas”, limitando a actividade física ao aire libre a seis persoas convivintes, pero “permitindo que nunha cancha de 40 x 20 metros poidan adestrar 20 ou 25 persoas non convivintes”.
“E o que aínda é peor, permítese que estes equipos -sinalou Fernández- se poidan desprazar por toda Galicia a xogar con outros equipos, o que, no caso das categorías Xuvenil ou Infantil, tradúcese no desprazamento de xogadores, técnicos e, en moitos casos, ao non poder facerse en transporte colectivo, de familiares que terán que conducir o vehículo no que viaxen”, advirte.
Tal e como expuxo e, en base a un cálculo moi prudente feito polo Servizo Municipal de Deportes de Pontevedra, na semana de Todos os Santos houbo polo menos 75 partidos de competición en toda Galicia, "é dicir, 75 desprazamentos”. "Sumando xogadores, familiares, técnicos, delegados, etc., estamos falando de máis de 1.000 persoas movéndose por toda Galicia”, apuntou.
Fernández lamentou que as novas restricións plantexadas por Feijóo “non só non solucionen esta situación, senón que a continúen a prorrogar no tempo”, cando, dixo, esta fin de semana hai previstas bastantes máis de 100 competicións en territorio galego. "É un sinsentido moi grave e un agravio comparativo que esteamos a pedir prudencia, que se estean a pechar bares e cafeterías e que, sen embargo, non se adopten medidas máis estritas coas competicións federadas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.