Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/11/2020 | Actualizada ás 13:38
Institucións e ONG coinciden: a pandemia e as súas consecuencias impactaron con especial intensidade nas persoas sen fogar. Conscientes diso, os concellos urbanos galegos, onde se concentra unha porcentaxe significativa de persoas en situación de máxima vulnerabilidade, ofrecen recursos e traballan, sen deixar de lado a posibilidade dun novo confinamento, en preparar "alternativas".
Fano coa elaboración de censos ou a posta a piques de albergues municipais, adaptados ás medidas 'anti covid', pero tamén a reserva de hostais ou doutros centros por se son necesarios nun futuro inmediato. E coa participación clave de organizacións como Cruz Vermella ou Cáritas. Precisamente, fontes ligadas ao 'brazo social' da Igelsia, sinalan que as persoas sen fogar en Galicia poderían superar as 3.500.
Con todo, Caritas incide en que calquera cifra sobre persoas 'sen fogar' é unha estimación e máis no contexto da pandemia, xa que a covid-19 provocou, trasladan as mesmas fontes, ligadas á Diocese de Santiago, que moitas persoas con vivenda insegura ou precaria pasasen a estar literalmente en situación de 'sen teito'.
Os recursos municipais do Concello de Santiago van da man das alternativas que proporcionan precisamente organizacións como Cáritas, aínda que o traballo na Diócese abarca máis territorio que a capital galega. A reflexión xeral é que a situación de emerxencia é elevada e desde Caritas transmiten que todos os recursos de emerxencia, coas limitacións de capacidade impostas ou conveniadas coa inclusión social da Xunta, están "ao límite da súa capacidade".
As organizacións agradecen e demandan, a partes iguais, máis apoios institucionais, mentres que desde Política Social refiren os distintos programas de colaboración nos que se implica a Xunta. Pero tamén lembra o departamento autonómico que as persoas 'sen fogar' poden acceder á renda básica (Risga) e ás axudas de inclusión social.
Para iso, teñen que estar empadroadas nun concello, deben facilitar unha dirección a efectos de notificación e dispor dunha conta bancaria para os ingresos. Por iso, para quen viven na rúa, Política Social explicou que os concellos facilitan o que se denomina un 'domicilio fictio', que normalmente é a dirección dos servizos sociais muncipales ou dun albergue. E é que os consistorios xogan un papel fundamental para axudar ás persoas 'sen fogar'.
COA VISTA NOUTRO POSIBLE CONFINAMENTO
Así, esta mesma semana, o Concello da Coruña anunciou un dispositivo valorado en 50.000 euros ao mes para que as persoas 'sen fogar' teñan a opción de quedar nun hostal durante o toque de queda. O edificio ten capacidade para 33 prazas.
Traballando "de xeito conxunto" coas entidades locais, o equipo de rúa (Abeiro) e o servizo municipal de atención a urxencias sociais tamén continuarán traballando na rúa con quen non queiran utilizar un novo servizo. E de haber un novo confinamento, "xa sexa brando ou duro", o Goberno local avanza que se porá en marcha o pavillón de Riazor con toda a dinámica anterior de colaboración co Sergas e un servizo médico para PCR, así como de intervención social.
Na Coruña hai importantes iniciativas sociais, ademais, como Pai Rubinos, cuxo presidente, Eduardo Acea, trasladou o importante esforzo de adaptación que fixeron os centros e, no caso da iniciativa que lidera, pon sobre a mesa o factor de desenvolvemento social que a acompaña, xa a ela están vinculados 170 empregos.
Fontes do Concello de Vigo indicaron que o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social, na rúa Marqués de Valterra, dispón de 38 prazas, e a ocupación actual rolda o 98%. Cando a súa ocupación é total, como ocorreu na primeira onda, derívanse aos usuarios a hoteis, hostais ou pavillóns habilitados para ese efecto.
Na primavera, en Vigo habilitouse o pavillón do Berbés para acoller máis persoas sen fogar e tamén existen a diario prazas dispoñibles na Fundación Santa Cruz, lugar ao que son trasladados no caso de que o soliciten.
Do mesmo xeito que na Coruña, na cidade olívica tampouco se perde de vista a posibilidade doutro confinamento e trabállase en dous novos centros de illamento e confinamento para 'sen teito' por se fosen necesarios nos próximos días: o Centro de Día de Cruz Vermella e o Seminario Maior San Xosé, con fins diferenciados.
En Vigo durante a primeira onda da pandemia realizouse un censo no que se chegaron a filiar 156 persoas sen fogar, aínda que o Concello aclara que esa cifra xa non sería real, posto que houbo moitas desas persoas que volveron logo aos seus lugares de orixe. Co toque de queda, volverase a computar as persoas ás que se ofrecen os recursos municipais.
ATENCIÓN NA RÚA
E do mesmo xeito que na Coruña, seguindo as directrices do Goberno, o Concello de Vigo explica que cando unha persoa non quere acceder a ningún recurso, aténdelle a unidade de rúa, que lle fai un seguimento, tómalle as constantes vitais, provelle de kit de hixiene e de tupper con comida na súa localización habitual.
Noutros concellos, a Policía Local xoga un papel importante especialmente agora no contexto do toque de queda decretado pola pandemia, así como efectivos ligados a Cruz Vermella que, en moitas ocasións, son os que convencen a persoas que habitualmente dormen na rúa dos beneficios de pasar a noite nalgún dos centros habilitados.
Con Cruz Vermella, por exemplo, ten un convenio para a atención de persoas 'sen fogar' o Concello de Lugo, que tamén dispón dun albergue público, o Fogar do Transeúnte. Ademais, o Consistorio dispón dun piso de titularidade municipal de transición e, desde a área de Benestar trabállase con diferentes hostais da cidade para aloxar cidadáns con problemas de vivenda.
Sobre o Fogar do Transeúnte, o Concello lembra que recentemente se licitaron as obras para reformar este centro precisamente ante a situación xerada pola covid-19, co fin de ampliar as prazas e espazos, polo que, con esta reforma, pasará a ter unha capacidade para 28 persoas.
En Ourense tamén están a traballar para analizar se hai que tomar novas medidas en relación a este colectivo especialmente vulnerable. Así, o Concello está en proceso de elaborar un censo. En todo caso dispoñen do Albergue de Transeúntes, que ten 20 prazas, das que, a día de hoxe, están ocupadas ao redor dunha ducia. Ese albergue tamén se adaptou e se reserva unha praza '21' por se fose preciso o illamento dalgún usuario que contraese o virus.
E en Pontevedra, o Concello trasladou que, polo momento, non tivo que activar un plan de emerxencia en relación ás persoas sen fogar, xa que os responsables dos dous albergues, Cáritas e Calor Café, transmitiron que aínda sobran camas para axudar a xente que o pide e que a capacidade supera a demanda. No entanto, Benestar Social mantén "unha coordinación directa" coas entidades sociais e, de ser preciso, contemplaríase a reapertura do albergue de Raíña da Paz (Salcedo), que funcionou no anterior confinamento. Ademais, se estudan "outras alternativas de carácter" privado para avaliar a súa dispoñibilidade, pero "só se fose necesario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.