O goberno defende a actuación da Policía Nacional durante a detención de Alex Bergantiños

O Goberno sinala que a detención se practicou "conforme ao previsto na lei, para que a persoa detida fose posta canto antes a disposición da autoridade xudicial, a cal tomou as decisións pertinentes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2020 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

O Goberno asegurou que a Policía Nacional actuou conforme ao disposto na Lei de Enjuiciamiento Criminal en relación á detención do xogador do Real Club Deportivo da Coruña Álex Bergantiños o pasado mes de agosto.

"No caso interesado, ao terse noticias de que un feito podería ser constitutivo de delito recollido no Código Penal, perseguible de oficio, a Policía Nacional actuou conforme ao disposto na lei", sinala o Executivo en resposta a unha pregunta formulada polo senador do PP Miguel Lorenzo.

Na contestación por escrito, o Goberno sinala que a detención se practicou "conforme ao previsto na lei, para que a persoa detida fose posta canto antes a disposición da autoridade xudicial, a cal tomou as decisións pertinentes".

En concreto, Alex Bergantiños foi arrestado por mor dunha denuncia de LaLiga tras a difusión dun audio privado no que falaba dun posible "paripé" no partido aprazado entre o Deportivo e o Fuenlabrada polos casos positivos na covid neste equipo madrileño.

Unha vez recibida a resposta do Executivo estatal, nun comunicado remitido aos medios, o senador popular Miguel Lorenzo censurou que o Goberno declinase informar os motivos do arresto e subliña que "deter a unha persoa en plena rúa e mandar a dous axentes desde Madrid é unha actuación policial, non xudicial, e excede do habitual e da práctica diaria da policía ante unha denuncia deste tipo".

O senador coruñés sostén que "ningún xulgado requirira a actuación da Policía" e lembra que, a pesar de ser detido, Álex Bergantiños, declarou no cuartel de Lonzas ante os axentes desprazados desde Madrid e quedou en liberdade.

"DETENCIÓN INTEMPESTIVA"

"Dous días despois o xulgado de instrución número 3 da Coruña, á vista dos feitos denunciados e da súa declaración, decretou o sobresemento e arquivo do asunto", indica Miguel Lorenzo, que lembra que a propia xuíza, nos fundamentos do auto do sobresemento, alude a unha "detención intempestiva" e realizada "sen practicarse proba algunha".

Miguel Lorenzo critica que a "ausencia de respostas do Goberno para botar luz sobre o sucedido" complétase coa réplica a outra cuestión en interpeláballe ao Executivo estatal sobre o custo económico en recursos públicos do desprazamento de efectivos para deter ao capitán do Deportivo. "Os gastos foron os habituais", asegura que resolve o Goberno.

Álex Bergantiños
Álex Bergantiños | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta