Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/04/2025 | Actualizada ás 15:15
O presidente da Xunta insistiu este luns que Galicia segue tendo unha dos mellores sistemas sanitarios do Estado a pesar da masiva protesta deste pasado domingo convocada por SOS Sanidade Pública. "Hai que serguir traballando para mellorar a sanidade, pero xa lle adicamos a metade dos orzamentos da Xunta", dixo.
Na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno galego, Rueda recoñeceu que sempre hai "marxe de mellora nalgo tan importante como a sanidade pública", pero negou a situación catastrófica que se pinta "por parte dalgúns responsables políticos" que participaron nesta protesta. Aludía aos líderes do BNG e PSdeG, aos que acusou de "politizar" esta protesta.
De feito, o líder do PPdeG foi moi crítico co BNG como xa en días previos fixo o voceiro do seu partido na Cámara galega, vinculando á UPG --partido maioritario no BNG-- con esta manifestación. "Non nego a boa fe da xente que participiou na protesta pero o grao de politización do BNG é clarísimo, é a do non a todo", dixo. Neste sentido, lembrou que a sanidade, durante o goberno bipartito, era moito peor e recoñeceu que a Xunta "tamén quere" máis especialistas, menos listas de agarda ou máis profesionais na atención primaria. "Parte diso depende do Goberno central...A Xunta tamén fai o que pode e ata onde pode", apuntou.
Con todo, e a pesar de ser preguntado en varias ocasións, o presidente galego non quixo dar moitos detalles sobre o financiamento sanitario e a súa situación e lembrou que, precisamente, este xoves ten dúas preguntas do BNG e PSdeG na Cámara galega sobre isto. "O que está claro é que o nivel de investimento e a calidade da sanidade é moi recoñecido", apuntou. "Non hai sanidade tercermundista como din. Os que queren politizar todo son os do non", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.