Por Galicia Confidencial | Nova Zelandia | 15/11/2020 | Actualizada ás 22:15
A galega Maite Rojo acadou a vitoria na categoría feminina da Sri Chinmoy, unha das carreiras de ultrafondo máis prestixiosas de Nova Zelandia. Correu durante 24 horas para percorrer 206 kilómetros, quedando, ademais, segunda no cómputo xeral da carreira que gañou Keith Burrows com 222 kms.
A proba tivo lugar este pasado sábado en Auckland, no Estadio Millennium. E, as restriccións da Covid non impediron que participaran 27 persoas. "Desde a pausa da miña ultratrail, adestrei durante todo o ano, nada habitual para min, pois sempre tiña poucos meses de adestramento antes de una carreira, mais como todos os demais, a Covid 19 mudou a miña vida a nível profesional. E tudo o que é malo ten cosas boas, como máis tempo libre para adestrar", destaca en declaracións a Galicia Confidencial.
A proba comezou á 9:00 da maña e había cambios de dirección cada catro horas. Rojo tivo que facer fronte a un calor intenso (alí están preto do verán austral) e unha humidade do 85%. "Os cambios de temperatura do día para a noite, causaron problemas gástricos a moitas persoas e a min saíronme bochas que se cravaban coma coitelos", asegura.
Con todo, destaca o bo ambiente que se vive nestas probas. "Pero o máis curioso era o seu sistema de contar os quilómetros, porque o fan de tres maneiras: con un chip no nocello, cun marcador manual como anos atrás e cunha persoa designada a cada corredor para contar voltas....Como se se tratara dun tribunal, cando pasas pola liña de saída, vas saudando á persoa que te está a contar en cada volta", sinala.
Maite rematou a carreira con dous trofeos, un para ela e outro que terá que devolver co seu nome gravado. "É a tradición que teñen aquí. Así todos os nomes dos gañadores son exibidos desde 1986", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.