Xornalistas Galegas pide á Xunta reforzar os mecanismos para garantir a igualdade nos medios

O colectivo mantivo unha reunión con Susana López Abella para avaliar o cumprimento da prensa galega coas leis de igualdade e contra a violencia de xénero.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2020 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, vén de solicitar á Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia que reforce os mecanismos para garantir o compromiso dos medios coa igualdade entre homes e mulleres.

Integrantes do colectivo Xornalistas Galegas
Integrantes do colectivo Xornalistas Galegas | Fonte: Xornalistas Galegas

O colectivo, constituído en novembro de 2018 e que conta co apoio de preto de 200 profesionais, trasladou esta demanda á titular do departamento autonómico, Susana López Abella, nunha reunión de traballo na que ambas partes avaliaron o cumprimento da prensa galega coas leis de igualdade e contra a violencia de xénero.

Entre as cuestión abordadas no encontro, as representantes de Xornalistas Galegas ofreceron a colaboración do colectivo coa Secretaría para o rexistro de informacións machistas difundidas polos medios galegos de cara ao contacto cos propios medios para procurar que se

revirtan. Así mesmo solicitaron que se permita acceso público ao informe do Observatorio da publicidade non sexista que recolle os apercibimentos incoados pola Secretaría de Igualdade aos medios de comunicación pola difusión de contidos sexistas.

Xornalistas Galegas agradeceu a "boa disposición" de López Abella á colaboración coa

plataforma feminista e amosou o seu total apoio á proposta de formación en xénero para as

redaccións e directivas dos medios que lle anunciou a secretaria. Así mesmo comprometeu a súa colaboración naquelas iniciativas nas que o departamento autonómico convide a participar ao colectivo coa fin de promover o cumprimento do marco lexislativo que obriga aos medios de comunicación galegos á promoción da igualdade entre sexos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta